A Deputación destina 350.000 euros á Guarda, Moaña e O Porriño para acometer melloras en infraestruturas deportivas

A Guarda recibirá 70.000 € para actuar no campo de fútbol da Sangriña, O Porriño 120.000 € para o pavillón municipal e Moaña 160.000 € para un novo skate park

Trátase de recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que repartiu xa 3,7 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar novas achegas por valor de 350.000 euros do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para que os concellos da Guarda, Moaña e O Porriño acometan melloras nos seus equipamentos. O presidente da institución provincial, Luis López, detallou que A Guarda recibirá 70.000 € para actuar no campo de fútbol da Sangriña, O Porriño 120.000 € para ampliar e mellorar a accesibilidade do pavillón municipal e Moaña disporá de 160.000 € para a construción dun novo skate park. Con estes recursos, tal e como recordou Luis López, “a Deputación repartiu xa 3,7 millóns dos 4 millóns cos que dotamos este Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que está a transformar, como nunca antes se fixera, os equipamentos e dotacións para a práctica do deporte nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia”.

A Deputación destinar preto de 70.000 euros para A Guarda que servirán para completar os 118.512 euros que supón a reforma e mellora das instalacións deportivas anexas ao campo de fútbol da Sangriña. Os traballos consistirán principalmente na reorganización dos espazos, dedicados a cantina, oficina, salas de reunións e billeteiras, e para actuacións de salubridade das mesmas.

Pola súa banda, O Porriño recibirá 120.974 euros de financiamento provincial que tamén servirán para completar os 157.086 euros aos que ascende o proxecto de ampliación e mellora da accesibilidade do pavillón municipal. Na actualidade o pavillón non conta coas medidas mínimas establecidas polas federacións para a disputa de certos eventos deportivos, polo que o goberno local quere amplialo, demolendo a fachada sur, para chegar aos mínimos. Ademais, construirase un aseo adaptado a persoas con mobilidade reducida e realizarase un itinerario accesible para comunicar a cancha exterior co espazo público exterior e o acceso ao pavillón.

Finalmente, a Deputación acaba de aprobar destinar 157.035 euros para que Moaña constrúa un novo skate park baixo o viaduto de A Ameixoada, no lugar do Casal, onde xa está hoxe en día o pumptrack e fronte ao Campo Municipal Iago Aspas. A nova instalación deportiva pretende ser un espazo inclusivo para atender ás necesidades de usuarios de todos os niveis e disciplinas, incluíndo skateboarding, scooter ou BMX.