A nova convocatoria eleva a 350.000 euros as axudas dirixidas ás entidades locais no que vai de 2026 para fomentar o uso social do galego
A Deputación de Pontevedra aprobou unha nova liña de axudas por valor de 150.000 euros destinada aos concellos de menos de 50.000 habitantes para impulsar actividades de dinamización da lingua galega, reforzando así as políticas provinciais de promoción do idioma propio.
Esta convocatoria, aprobada na Xunta de Goberno desta semana, eleva a 350.000 euros os recursos dirixidos ás entidades locais para o fomento do galego no que vai de ano, xa que aos 150.000 euros anunciados agora súmanse os 200.000 euros destinados aos servizos de normalización lingüística municipais.
En total, a institución provincial leva mobilizados nos primeiros meses de 2026 arredor de 600.000 euros para apoiar iniciativas de promoción da lingua galega, tanto a través dos concellos como de entidades sen ánimo de lucro.
Iniciativas para reforzar o uso do galego en todos os ámbitos
As axudas permitirán que os concellos desenvolvan proxectos orientados a fomentar o uso da lingua galega no ámbito social, cultural e económico. Entre as iniciativas que poderán financiarse figuran certames literarios, propostas vinculadas ás novas tecnoloxías ou proxectos de comunicación dixital como videoxogos e podcast.
Tamén se contemplan actividades relacionadas coa sociolingüística e a toponimia, campañas de promoción do galego no comercio e na industria, accións de dinamización cultural ou iniciativas destinadas a recoñecer o traballo de persoas e colectivos que contribúen á defensa e promoción da lingua.
O obxectivo da convocatoria é reforzar a presenza do galego na vida diaria e impulsar o seu uso en ámbitos clave da sociedade, favorecendo que a lingua siga gañando espazos en sectores estratéxicos e entre as novas xeracións.
Un mes de prazo para presentar as solicitudes
Os concellos interesados poderán optar a estas subvencións nun prazo dun mes desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia. A través desta convocatoria, a Deputación busca apoiar a programación de actividades que contribúan a dinamizar a lingua e reforzar a súa presenza no territorio.
Estas novas achegas súmanse a outras liñas de apoio activadas este ano pola institución provincial, entre elas 150.000 euros destinados a entidades sen ánimo de lucro para iniciativas de promoción do galego e 100.000 euros para a edición de publicacións na lingua propia de Galicia. Con este conxunto de medidas, a Deputación continúa ampliando os recursos destinados á promoción do idioma, co obxectivo de reforzar o seu uso social e garantir a súa presenza activa na cultura, na economía e na vida cotiá da provincia.

