A Deputación destina 120.000 euros para os premios dos equipos participantes no regreso da Copa de fútbol Deputación

Participaron 135 equipos de 47 concellos da provincia, que recibirán premios que oscilan entre os 150 e os 6.500 euros

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe a distribución de 120.000 euros en premios para os equipos participantes na Copa de fútbol Deputación de Pontevedra 2024, tanto na categoría feminina como na masculina. Como explicou o presidente provincial, Luis López, “a Copa Deputación deste ano foi, sen dúbida, unha competición moi interesante e emocionante. Regresamos este ano cun torneo, que cada ano goza de enorme popularidade, e que reuniu a centos de deportistas de todos os puntos da provincia”.

Na Copa Deputación participaron un total de 135 equipos de 47 concellos da provincia. Os gañadores foron o Villalonga de Sanxenxo, en categoría masculina, e o Lóstrego B de Gondomar, en feminino, que se impuxeron nas súas respectivas finais ao Areas, de Ponteareas, e o Viaxes Interrías, de Sanxenxo. Tanto os equipos gañadores como os participantes recibiron premios que oscilaron entre os 150 € por eliminatoria dos que só xogaron a fase previa ata os preto de 6.500 €. “Tiñamos claro que esta era unha competición que merecía a pena seguir celebrando e apoiando. Máxime, se somos a Deputación do deporte, como xa vimos tempo demostrando”, asegurou Luis López.