As achegas directas ascenderán a 45.000 euros e manterase a colaboración en actividades e cesión de espazos
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou que os orzamentos provinciais de 2026 recollerán un incremento do 23 % nas achegas á Asociación Érguete Prevención, á Asociación Érguete Integración e á Fundación Érguete, que pasarán a recibir 45.000 euros en total a través da área de Benestar Social.
O anuncio produciuse durante unha reunión mantida este luns coa directora da fundación, Ana María Álvarez, na sede viguesa da Deputación. Tamén participou a responsable do programa de Emprego Inclusivo.
Unha relación de colaboración consolidada
Sánchez destacou a “excelente relación institucional” coa entidade, que este ano cumpre o seu 40º aniversario, e lembrou que en 2025 xa recibira 15.500 euros en axudas por concorrencia competitiva. A colaboración amplíase ademais co apoio a diferentes actividades e coa cesión das instalacións provinciais de Vigo.
“Estamos moi contentos por poder introducir esta mellora nos orzamentos, porque o exemplar traballo de Érguete merece seguir contando co respaldo da Deputación”, afirmou Sánchez, quen definiu a entidade como “unha referencia na construción dunha provincia máis xusta, igualitaria e integradora”.

