A Deputación de Pontevedra e a Federación Galega de Baloncesto poñen en marcha o circuíto 3×3 Urban, con tres sedes na provincia durante o mes de xullo

Vilagarcía de Arousa, Vigo e A Estrada acollerán esta competición gratuíta aberta a equipos formados por xogadores e xogadoras federados e non federados

A vicepresidenta, Luisa Sánchez, destaca que o evento ofrece un formato “rápido, divertido, dinámico e, sobre todo, moi participativo”

A Deputación de Pontevedra e a Federación Galega de Baloncesto (FEGABA) poñen en marcha o circuíto 3×3 Urban, que percorrerá tres localidades da provincia ao longo do mes de xullo. A competición, de participación gratuíta, está aberta tanto a xogadoras e xogadores federados como non federados. O evento parará en Vilagarcía de Arousa (11 e 12 de xullo), Vigo (18 e 19 de xullo), e A Estrada (25 e 26 de xullo).

A presentación oficial do circuíto tivo lugar este venres no porto de Vigo coa participación da vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes, Luisa Sánchez; a directora de Deportes, Xisela Aranda; o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez; o directivo da FEGABA Fernando Pérez, e o directivo do Celta Femxa Zorka Rafael Carballido.

Durante o acto, Luisa Sánchez salientou que 3×3 Urban ofrece un formato “rápido, divertido, dinámico e, sobre todo, moi participativo”, capaz de atraer tanto ás persoas que compiten como ás que se achegan a gozar do espectáculo.

“Desde a Deputación de Pontevedra gústanos apoiar eventos coma este porque levan o deporte á rúa e enchen de vida os espazos públicos”, afirmou a vicepresidenta. Amais, destacou que o torneo está pensado para que poidan participar xogadores e xogadoras de diferentes idades, desde Minibasket ata Júnior.

Pola súa banda, Julio Bernárdez destacou o excelente momento que vive esta modalidade deportiva. “O basket 3×3 é unha actividade deportiva que chegou para quedar. Estamos moi orgullosos dos últimos resultados acadados por Galicia, que conseguiu subir ao máis alto do podio nacional”, sinalou.

O presidente da FEGABA tamén puxo en valor o carácter formativo desta disciplina, xa que “supón un desenvolvemento persoal e deportivo para os xogadores e xogadoras, que teñen que autoxestionarse durante os partidos solicitando os cambios e os tempos mortos”.

Desenvolvemento da competición

En cada sede, a competición desenvolverase ao longo de dúas xornadas. O primeiro día disputaranse as categorías Minibasket e Infantil, ambas mixtas, mentres que o segundo será a quenda das categorías Cadete e Júnior, con competición feminina e masculina ou mixta en función do número de equipos inscritos.

Os equipos estarán formados por un mínimo de tres e un máximo de catro xogadores ou xogadoras e deberán designar unha persoa responsable maior de idade que actúe como interlocutora coa organización. As prazas son limitadas en cada categoría e sede e asignaranse por orde de inscrición. A inscrición xa está aberta para as tres sedes e pode realizarse de forma telemática a través da páxina web da Federación Galega de Baloncesto.