As entidades sen ánimo de lucro da provincia poderán solicitar as achegas durante un mes para desenvolver actividades de dinamización lingüística ao longo de 2025
A Deputación de Pontevedra vén de activar unha nova convocatoria de axudas dirixida a entidades sen fins de lucro da provincia, cunha dotación total de 150.000 euros, para fomentar o uso do galego a través de actividades de dinamización lingüística. O prazo para solicitar estas achegas permanecerá aberto durante un mes a partir deste martes 15 de abril, tras a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia.
Estas subvencións están destinadas a financiar iniciativas que se desenvolvan ao longo de todo o ano 2025 e que contribúan á normalización da lingua galega. Entre as actividades subvencionables atópanse certames, eventos culturais, campañas de promoción, estudos sociolingüísticos, accións para o fomento do galego no comercio e na industria, así como proxectos orientados á captación de neofalantes e ao traballo cos máis novos.
Cada entidade poderá recibir ata un máximo de 4.000 euros, sempre que a contía non supere o 75% do orzamento total da actividade proposta. Os fondos poderán destinarse a cubrir gastos como alugueiro de espazos, contratación de servizos profesionais, edición de materiais, accións de comunicación e a participación de grupos e artistas.
Desde a Deputación destacan o crecente interese das entidades sociais nesta liña de achegas, que buscan fortalecer a presenza do galego nos distintos ámbitos da vida social e combater prexuízos arredor do seu uso. Paralelamente, a institución provincial tamén destina outros 150.000 euros para axudas aos concellos co mesmo obxectivo, o que eleva a 300.000 euros o investimento total en dinamización lingüística neste 2025.

