A Deputación dá luz verde á aprobación do Orzamento do 2024, as contas máis altas da historia do organismo provincial

O salón de plenos do Pazo provincial acolleu este venres unha sesión extraordinaria que serviu para aprobar o Orzamento da Deputación de Pontevedra para o próximo ano

A Deputación de Pontevedra deu este venres un novo paso de cara a entrada en vigor do Orzamento do 2024, as contas máis altas da historia do organismo provincial dotadas cun total de 189,2 millóns de euros, coa aprobación deste documento nunha sesión plenaria extraordinaria celebrada no salón de plenos do Pazo provincial. O voceiro do goberno provincial, Jorge Cubela, foi o encargado de presentar o contido do Orzamento, que o definiu como “as contas do municipalismo”. Un documento, que saíu adiante cos votos favorables dos deputados do Grupo Popular e que “é fiel reflexo das nosas prioridades como goberno” ao inclúe un notable incremento na dotación de partidas como as de Cooperación, Deporte, Turismo ou Cultura.

As cifras do Orzamento do próximo ano supoñen unha suba dun 4,2 %, arredor de 7,6 millóns de euros, con respecto ás contas do ano 2023. O voceiro do goberno provincial remarcou o carácter “municipalista” das mesmas ao referirse, en primeiro lugar, á partida de Cooperación, dotada con 66 millóns de euros, o que supón unha suba do 16,4 %, uns 9,3 millóns de euros de incremento. “Un de cada tres euros deste Orzamento dedicarase directamente a satisfacer as necesidades dos 61 municipios da provincia”, subliñou Cubela, facendo referencia á inclusión nesta partida do programa +Provincia, o plan de obras e servizos dotado coa cantidade récord de 48,2 millóns de euros ou os Plan Provincia Comunitaria e +Aqua, cun millón de euros cada un.

A de Cooperación non é a única partida que medra, os fondos destinados ao Deporte ascenden ata os 5,5 millóns de euros, un 19 % máis, arredor de 900.000 euros de suba con respecto ao 2023. O importe reservado para o Turismo sobe tamén ata os 5,6 millóns de euros, o que supón un ascenso real de preto dun millón de euros ao manter o investimento sen ter en conta as axudas europeas.

A partida de Cultura manexa tamén un orzamento global que rolda os 15 millóns de euros, dos que 4,2 millóns destinaranse a accións culturais, 10,2 millóns ao Museo de Pontevedra e un millón ao plan Culturea. Neste apartado o esforzo do goberno provincial fai medrar o investimento nun 20 % con respecto ao 2023.

Ademais, unha das novidades que presenta este Orzamento é a inclusión dun novo servizo de Xuventude e Reto Demográfico con 1,2 millóns de euros para subvencións para a mocidade da provincia, para a organización de actividades xuvenís, para investimentos pensados para a xuventude, axudas para centros educativos ou acción para loitar contra o despoboamento do rural a través da redución da fenda dixital, por exemplo.

Ao mesmo tempo, este Orzamento reforza os investimentos en centros dependentes da Deputación como a Finca Mouriscade, o Centro Príncipe Felipe, a Escola de Enfermería ou a Estación Fitopatóloxica do Areeiro. Do mesmo xeito, as contas inclúen tamén unha suba salarial para o persoal de Deputación e a creación de 26 novos postos de traballo.

“Unhas contas históricas que deixan claro o municipalismo deste goberno que tende pontes coa administración local, que reforzan áreas estratéxicas para a provincia como é o Deporte o Turismo ou a Cultura; e que amosan a sensibilidade ante desafíos inmediatos como é o reto demográfico ou o coidado do medio ambiente”, concluíu o voceiro do goberno provincial Jorge Cubela.