A Deputación convoca os VIII Premios Provinciais á Xuventude, que repartirán 36.000 euros entre asmellores iniciativas

A edición deste ano inclúe once categorías de galardóns para recoñecer o talento de mozos da provincia, entre as que se inclúe por primeira vez a destinada a proxectos de agrupacións estudantís

A Deputación de Pontevedra acaba de poñer en marcha os VIII Premios Provinciais á Xuventude, que este ano repartirán un total de 36.000 euros entre as mellores iniciativas impulsadas pola mocidade, co obxectivo de promover o seu talento e potencial. Desta maneira, búscase estimular e recoñecer a traxectoria, o esforzo e o compromiso dos mozos que desenvolvan un labor relevante en distintos ámbitos. Coa publicación das bases este luns no Boletín Oficial da Provincia, o prazo de preinscrición comezará o martes 27 de febreiro e estenderase ata o 26 de abril. Unha vez validadas as candidaturas, as persoas solicitantes deberán presentar os seus proxectos antes do 19 de agosto.

ZFV

Nesta oitava edición dos premios haberá once categorías, entre as que destaca a de proxectos de agrupacións estudantís, convocada por primeira vez e dotada cun orzamento de 2.000 euros repartido en  tres premios de 1.000, 600 e 400 €. En concreto, estes premios están dirixidos tanto a mozos de entre 16 e 35 anos da provincia como a agrupacións estudantís e centros educativos de carácter público cuxo alumnado teña entre 12 e 18 anos. Ademais, convócanse as categorías de iniciativa empresarial, dotada con 4.000 €; educación en valores, con 2.000 €; investigación (coas subcategorías de ciencias, arquitectura e enxeñería e a de artes, humanidades e ciencias sociais e xurídicas), con 8.000 €; contido audiovisual, con 2.000 €; traballo musical (música clásica e outros xéneros), con 4.000 €; traballo literario breve (narrativa e poesía), con 4.000 €; banda deseñada, con 2.000 €; fotografía orixinal (serie fotográfica e fotografía), con 4.000 €; deseño e moda, con 2.000 €, e reacción polo clima, con 2.000 €.

En xeral, a estes VII Premios Provinciais á Xuventude poden presentarse persoas de 16 a 35 anos empadroadas na provincia de Pontevedra, se ben nas categorías de iniciativa empresarial e de reacción polo clima tamén poden concorrer persoas xurídicas nas que polo menos un 75% da xunta directiva ou dos administradores teñan esa idade. Nesta última, ademais, tamén poden presentarse centros de Educación Secundaria en cuxos proxectos participen alumnas e alumnos de idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos, aos que tamén está dirixida a categoría de educación en valores. Nesta categoría o importe do premio deberá destinarse na súa totalidade á adquisición de material, a saídas educativas, a proxectos escolares, a bolsas para o alumnado ou a calquera outra actividade que teña relación directa coa programación do centro.