A Deputación convoca os Premios Demo Day para recoñecer as propostas emprendedoras do alumnado de FP da provincia

Nesta edición de DepoEmprende na FP os proxectos premiados contarán cunha dotación económica cun importe total de 1.900 euros

A Deputación de Pontevedra convocará unha nova edición dos Premios Demo Day para os centros educativos que están adheridos este curso ao programa “DepoEmprende na FP”, que ten por obxectivo promover entre o alumnado de Formación Profesional de grao medio e superior a iniciativa emprendedora, tanto no ámbito empresarial como no autoemprego.

En total, neste 2024 os premios contan cunha dotación económica de 1.900 euros que se repartirán en dúas categorías, distinguindo o alumnado que pertenza a grado medio ou a grao superior. A primeira delas terá un único premio de 700, euros mentres que o alumnado de grao superior poderá optar a dous premios, un de 700 e outro de 500 euros. No caso de que non se acade o número mínimo de proxectos de grao medio (establecido en tres), establecerase una única categoría con tres premios: un primeiro dotado con 900 euros, un segundo con 600 e un terceiro con 400 euros.

A finalidade desta convocatoria é promover no alumnado a iniciativa emprendedora así como a actitude necesaria para asumir riscos e responsabilidades. A metodoloxía proposta baséase en que o alumnado elabore un proxecto empresarial relacionado coa familia profesional do ciclo formativo que curse. Os proxectos seleccionados entrarán nun programa intensivo de apoio e asesoramento denominado “Aceleración de proxectos”, o proceso rematará no mes de marzo co acto dos Premios Demo Day, no que se realizará a presentación e a valoración dos proxectos co fin de determinar os premiados.

A convocatoria está dirixida aos sete centros educativos da provincia que participan no proxecto DepoEmprende na FP: o IES Plurilingüe Terra de Turonio (Gondomar), o IES Laxeiro (Lalín), o IES Montecelo (Pontevedra), o IES Antón Alonso Ríos (Tomiño), e os vigueses CIFP Manuel Antonio, Colexio Vivas e IES A Guía. As bases publicaranse este venres 16 de febreiro e os centros educativos terán 10 días hábiles de prazo contados a partir do día seguinte para presentar un máximo de dous proxectos entre os desenvoltos no marco de “DepoEmprende na FP”.

Unha vez que os centros seleccionen as súas propostas, a Deputación organizará un programa intensivo para apoialos e asesoralos, denominado “Aceleración de proxectos”. A continuación, antes da celebración dos Premios Demo Day, un xurado valorará os proxectos empresariais, se ben tamén se ter en conta a presentación realizada no mesmo día da entrega dos galardóns. Para escoller ás iniciativas gañadoras, terase en conta a innovación e creatividade na idea de negocio, a contribución social do proxecto, a solidez e viabilidade do mesmo e a aplicación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), así como a calidade, claridade e argumentación da presentación realizada polos alumnos e alumnas.

“DepoEmprende na FP” é unha das tres modalidades nas que se divide este programa para centros educativos da provincia, xunto a “DepoEmprende na Escola” e “DepoEmprende na ESO”. Con esta iniciativa a Deputación busca promover a cultura emprendedora no marco do sistema educativo e impulsar que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, cun traballo desde a práctica. A metodoloxía proposta baséase na elaboración e xestión de proxectos empresariais para que o alumnado asuma o risco de afrontar diferentes situacións laborais e, deste xeito, mellore a súa participación activa na vida económica, social e cultural do seu contorno.