A Deputación avanza na transformación dixital dos concellos da provincia con novos proxectos cun investimento de 1,4 millóns de euros

O Goberno provincial adxudica o sistema de videoactas, a dotación de equipos informáticos, a infraestrutura de alta capacidade e a plataforma de comunicación

A Deputación de Pontevedra continúa transformando dixitalmente os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia a través do programa financiado con fondos europeos que beneficia a un total de 50 concellos da provincia. Desta maneira, o presidente provincial, Luis López, acaba de anunciar en rolda de prensa que a última Xunta de Goberno do ano adxudicou novas actuacións cun orzamento total de 1,4 millóns de euros.

En concreto, adxudicouse a plataforma de videoactas e retransmisión de plenos, que se porá en marcha en 36 concellos e que conta cun investimento de 559.000 euros. Ademais, subministraranse a todos os concellos participantes no programa equipos informáticos por 593.000 euros. Trátase de 546 ordenadores portátiles estándar con capacidade para o desenvolvemento das tarefas ofimáticas máis habituais, para os que se destinan 492.000 euros, e 93 equipos avanzados, que teñen maiores capacidades para que persoal técnico poida desenvolver traballos que requiran prestacións superiores, dotación que se adxudica por pouco máis de 100.000 euros. Por outra banda, destinaranse 187.500 euros a incorporar aos equipos de almacenamento xa existentes nos Centros de Procesado de Datos (CPD) dunha nova infraestrutura de alta capacidade e rendemento para acoller as novas ferramentas que se porán en marcha ao abeiro deste programa, como a mencionada plataforma de videoactas. Por último, algo máis de 55.000 euros serán para a plataforma de comunicación e xestión de incidencias que vai permitir unha relación bidireccional entre a cidadanía e os 32 concellos que a solicitaron e que permitirá a participación cidadá, así como a difusión de información e a xestión de incidencias.