A Deputación avanza co Concello de Baiona na ampliación do alcance da recollida de biorresiduos

Foto aérea de Baiona.

Trala posta en marcha dun proxecto piloto de compostaxe no Centro de Día de Baiona, a institución provincial e o Goberno local seguen a traballar para fomentar un cambio positivo na xestión de residuos

Tras poñer en marcha un novo proxecto piloto de compostaxe no Centro de Día de Baiona, co obxectivo de promover prácticas sostibles e fomentar a participación comunitaria, a Deputación de Pontevedra a través do seu Servizo de Inspección, Vixilancia e control de residuos (SEVIC) avanza xunto co concello na ampliación do alcance da recollida de biorresiduos. Neste eido, a institución provincial e o Goberno local están a traballar cos produtores e coa cidadanía de Baiona para incorporalos nesta recollida e fomentar un cambio positivo na xestión de residuos.

En pouco máis dun mes desde a introdución do contedor marrón para biorresiduos comerciais en Baiona, recolléronse algo máis de 6.000 quilos de residuos orgánicos, o que representa aproximadamente a produción de 450 persoas. A participación e colaboración dos produtores locais foi clave para alcanzar este volume de residuos e amosa tanto a responsabilidade ambiental do tecido comercial de Baiona como a vontade de adoptar prácticas que beneficien ao conxunto da sociedade a ao medio ambiente. Neste eido, o Concello de Baiona está a repartir composteiros gratuítos para a veciñanza da vila, para que poidan realizar un fertilizante natural con excelentes propiedades para o chan, polo seu aporte de nutrientes e a súa capacidade de preservalo de pragas e enfermidades. Ao reciclar a materia orgánica nas vivendas particulares, que supón o 37% da composición media unha bolsa de lixo tipo de Galicia, evítase o depósito nos contedores verdes convencionais, propiciando así unha diminución da frecuencia da recollida e transporte de lixo por parte dos servizos municipais e, polo tanto, das emisións de CO2.