A Deputación avanza ao tecido musical da provincia que reforzará a aposta polo circuíto de concertos de música en galego

O presidente da Deputación, Luis López, e a vicepresidenta Marta Fernández-Tapias trasladaron aos representantes do sector que terán un papel activo na configuración da iniciativa

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, xunto coa vicepresidenta Marta Fernández-Tapias mantiveron este martes un encontro con representantes do tecido musical da provincia para comezar a perfilar o contido do programa de difusión da música local en toda a provincia e no que a Deputación reforzará con máis apoio o circuíto de concertos de música en galego nos concellos. Esta reunión de traballo serviu tamén para escoitar as demandas e propostas dos membros do colectivo para mellorar un programa ao que o goberno provincial dará un forte impulso este ano. “Este programa será unha ponte entre o tecido musical e cultural da provincia, a Deputación e o público para que a música pontevedresa vaia a máis”, explicou Luis López ao comezo da reunión.

O presidente López trasladou aos músicos o compromiso da Deputación coa defensa e promoción da cultura na provincia, unha área estratéxica que conta cunha partida de 4,7 millóns de euros no orzamento deste ano do organismo provincial, un 20 % máis que no 2023. Neste sentido, o mandatario provincial confirmou que o programa musical será reforzado en todos os aspectos e o tecido musical da provincia xogará tamén un papel fundamental.

“A cultura, o apoio aos creadores e á industria cultural da provincia, así como organizar eventos culturais nos concellos é unha área estratéxica dentro da acción de goberno da Deputación de Pontevedra. Por este motivo, organizamos este encontro de traballo que é un primeiro paso para planificar o ano musical na provincia. Imos escoitar as vosas propostas e as vosas inquedanzas para adaptalas a novo programa de apoio á música e aos músicos da provincia”, explicou o presidente provincial.

O obxectivo deste programa é poñer á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia un catálogo de grupos e solistas musicais profesionais que realizan os seus espectáculos en lingua galega. Unha iniciativa na que se terán en conta as propostas do colectivo para programar en encher de música galega todas as vilas da provincia. “Queremos mellorar as bases coas ideas que teñades porque é un programa que queremos reforzar”, asegurou a vicepresidenta Fernández-Tapias durante a reunión.

Apoio á cultura

Este proxecto para a difusión da música galega non é o único que a Deputación de Pontevedra ten en marcha para apoiar a cultura da provincia. A finais de ano o goberno provincial aprobou as bases do programa Culturea, unha acción dotada cun millón de euros destinada a apoiar ás entidades culturais para facilitar e promover a organización de diversas actividades en todos os concellos da provincia.