A Deputación arranca unha nova edición de “DepoEmprende na escola” con 13 cooperativas integradas por alumnado de Educación Primaria

Preto de 300 nenos de dez centros educativos da provincia presentaron no Salón de Plenos do Pazo provincial as iniciativas que desenvolven este curso

Preto de 300 nenos de nove centros educativos de Educación Primaria da provincia que participan no programa “DepoEmprende na Escola” presentaron hoxe no Pazo provincial as 13 cooperativas nas que traballarán ao longo deste curso para desenvolver os seus proxectos colaborativos e fomentar así o emprendemento. Os centros participantes desenvolverán diferentes tipos de proxectos baseados na ecoloxía, a cultura, a natureza ou a reciclaxe. Ademais, parte das ganancias que consigan as cooperativas coa venda dos seus produtos irán destinadas a diferentes ONGs ou asociacións, como protectoras de animais ou de servizos sociais. 

No acto, o deputado provincial de Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela, explicou que a Deputación busca con “DepoEmprende na Escola” impulsar “a iniciativa do alumnado, que experimente o seu talento e adquira novas capacidades e competencias, así como aprenda a traballar en equipo, a tecer redes”.  Tamén remarcou a capacidade do programa “para fomentar a solidariedade” e felicitou aos centros participantes e aos docentes, “motor e parte implicada para que esteadas aquí”,  por espallar entre os rapaces valores “para que sexades mellores persoas no mundo futuro”. Finalmente, Cubela animou aos rapaces a traballar nos seus proxectos emprendedores ao longo de todo o ano  “e que, ao remate poidamos achegarnos ao mercadiño e ver o ben que o fixestes ao longo do curso”.

O deputado fixo entrega dos NIF a cada unha das trece cooperativas participantes trala presentación que os propios alumnos foron realizando ao longo da mañá. En concreto, o CEIP Plurilingüe Chano Piñeiro de Gondomar deu a coñecer as súas dúas cooperativas, “Huellilandi” e “A Nosa chuvia”; o CEIP A Xunqueira I de Pontevedra, “A Xunqueira Reutilizable”; o CEP Plurilingüe Igrexa Valadares de Vigo  “Agüita de coco”; o alumnado do CEIP Plurilingüe de Tebra de Tomiño presentou “Cosendo desexos” e “Agullas soñadoras”; o CEIP Plurilingüe Nº1 de Tui deu a coñecer “Rapazada creativa” e “EcoTui”; o CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán de Tomiño “Flocos tolos”; o Colexio Estudio SL de Nigrán “Galicia Designs”; os alumnos do CPI Julia Becerra Malvar de Ribadumia deron a coñecer “Dinamitrix” e “Arrasamos con todo”, e, finalmente, o CEIP Plurilingüe de Carballedo de Cerdedo-Cotobade presentou “As cores de Carballedo 4.0”.

Esta recollida dos NIF chega despois do proceso de constitución das cooperativas, a etapa na que os alumnos crearon a imaxe corporativa dos seus proxectos, realizaron o estudo de mercado e tamén o prototipo de produto. A partir de agora, os centros educativos completarán o proceso de posta en marcha dun proxecto emprendedor coa procura de financiamento, a produción e fabricación do produto, a selección do prezo, o etiquetado, a preparación da venda para o mercado final que celebrará a Deputación e, para pechar o proxecto, o balance dos resultados. O obxectivo de “DepoEmprende na Escola” é fomentar o emprendemento como un dos factores clave nunha economía do coñecemento eliminando as barreiras que dificultan a transformación das ideas emprendedoras en proxectos concretos, promovendo a cultura emprendedora no marco do sistema educativo e impulsando que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, cun traballo desde a práctica. O programa está dividido entre “DepoEmprende na Escola”, proxecto dirixido ao alumnado de Educación Primaria (5º e 6º curso) e de Educación Especial, “DepoEmprende na ESO” para mozas e mozos de 4º da ESO, e “DepoEmprende na FP” dirixido a centros que imparten Formación Profesional de Grado Medio ou Superior.