A Deputación aproba o plan bianual do servizo de vixilancia, inspección e control da xestión de residuos  que botará a andar en 15 concellos da provincia

O presidente provincial, Luis López, explicou que “traballaremos para mellorar os datos de separación de fraccións de residuos” en Baiona, Barro, Bueu, Cangas, A Cañiza, Gondomar, A Guarda, Meis, Moaña, Mondariz-Balneario, As Neves, O Rosal, Silleda e Tomiño

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o plan bianual (24/25) do servizo de vixilancia, inspección e control da xestión de residuos de competencia municipal que botará a andar en 15 concellos da provincia cun investimento de máis de 455.000 euros.  O presidente da institución provincial, Luis López, explicou que “traballaremos para mellorar os datos de separación de fraccións de residuos” nos concellos de Baiona, Barro, Bueu, Cangas, A Cañiza, Gondomar, A Guarda, Meis, Moaña, Mondariz-Balneario, As Neves, O Rosal, Salceda, Silleda e Tomiño.

A través do plan prográmanse, organízanse e estrutúranse inspeccións, inicialmente, de carácter didáctico, centradas naquelas actividades e persoas produtoras de residuos así como nos responsables da súa recollida e xestión. “Insisto –asegurou López- serán inspeccións de carácter didáctico aínda que, se se observan incumprimentos graves da normativa levantaremos acta para que o concello correspondente impoña a sanción, se o considera, de acordo coa lei de residuos”.

O servizo de vixilancia, inspección e control da xestión de residuos de competencia municipal que pon en marcha a Deputación de Pontevedra arranca para axudar aos concellos no cumprimento da nova lexislación, que supón un cambio na tradicional visión que se tiña do tratamento dos residuos e maiores esixencias para os concellos. “Somos moi conscientes –afirmou o presidente provincial-  da carga de traballo que estas obrigas traen para os concellos e tamén da escaseza de medios que teñen, por iso poñemos en marcha este corpo de vixilancia, inspección e control co obxectivo de mellorar as cifras de separación de residuos dos concellos”.