A Deputación aproba en pleno as bases reguladoras do plan +Provincia, dotado con 48,2 millóns de euros

A derradeira sesión plenaria do ano serviu para dar luz verde á prórroga dos convenios co Concello de Pontevedra para a reforma do viario da Praza de Barcelos e a renovación da iluminación do centro urbano, así como a modificación de cinco proxectos do ReacPon

A Deputación de Pontevedra aprobou onte, na derradeira sesión plenaria do ano 2023, as bases reguladoras do plan +Provincia, o plan de obras e servizos da institución provincial para o ano 2024 que conta cunha dotación orzamentaria de 48,2 millóns de euros. O pleno serviu tamén para dar luz verde a prórroga dos convenios entre o goberno provincial e o Concello de Pontevedra para a reforma do viario da Praza de Barcelos e da iluminación do centro urbano, así como da modificación dos proxectos enmarcados no plan ReacPon dos concellos de Bueu, Crecente, Mos, Silleda e Tomiño; ademais do cambio de titularidade en favor do Concello de Vigo da estrada provincal EP-2003 entre Coruxo e Canido.

O Plan +Provincia, que repartirá ao longo do próximo ano 48,2 millóns de euros entre os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes, recibiu a aprobación do pleno da Deputación. O voceiro do goberno provincial, Jorge Cubela, foi o encargado de explicar as liñas mestras deste programa que conta con catro liñas de finciamento . A primeira está dotada con 33.74 millóns de euros e vai destinada a investimentos, a segunda, con 4 millóns, céntrase no gasto corrente dos concellos; a terceira, de 9,25 millóns, para activación do emprego e a cuarta e novidosa está dotada con 1,2 millóns para proxectos transformadores relacionados coa mobilidade.

Entre os aspectos novidosos que presenta este plan destaca a incorporación, entre os criterios de reparto de fondos entre os concellos, do reto demográfico. Un aspecto que terá en conta os concellos que máis poboación perderon nos últimos dez anos (2013-2022) e os que maior índice de avellentamento presentan segundo a relación entre a poboación maior de 64 e a menor de 20 anos. Así mesmo, as bases amplían a autonomía dos gobernos locais ao permitirlles recorrer ata un 30 % —e con carácter excepcional e só no 2024 a ata un 50%— do crédito de investimento para atender gasto corrente como amortización de débedas de exercicios pasados, financiamento de servizos municipais ou a sufragar obras non consideradas de investimento.

Por outro lado, a sesión plenaria serviu para aprobar por unanimidade a prórroga aos convenios entre a Deputación Provincial e o Concello de Pontevedra para ampliar ata o 31 de decembro do 2024 a data de xustificación das obras relacionadas coa reforma do viario perimetral da Praza de Barcelos, así como da renovación da iluminación pública da zona sur do centro urbano da urbe lerezana.

Do mesmo xeito, o pleno aprobou por unanimidade a modificación dos proxectos enmarcados no programa provincial ReacPon relacionados coa reforma e ampliación da biblioteca municipal de Bueu, a humanización da praza Ana Pastor de Crecente, a reforma integral da biblioteca e dos xulgados de Mos, a execución da fase I da nova casa consistorial de Silleda e o proxecto Espazo Isaura Gómez de Tomiño.