A Deputación apoia a proba ciclista “O Gran Camiño”, que chegará á provincia de Pontevedra o 25 de febreiro

Foto: O Gran Camiño

“Viviremos un espectáculo 100% Rías Baixas” asegurou o presidente Luis López quen detallou que o goberno provincial destinará máis de 130.000 € a esta proba na súa aposta por “atraer a organización de grandes eventos deportivos no noso territorio”

O goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente para contratar o patrocinio deportivo de “O Gran Camiño”, ao que destinará ata 133.000 euros. Esta proba ciclista chegará á provincia o vindeiro 25 de febreiro, co desenvolvemento da cuarta e última das etapas que percorrerán as catro provinciais galegas e que está incluída no calendario da Unión Ciclista Internacional (UCI).

“O Gran Camiño” é un dos eventos internacionais máis relevantes da provincia, que acollerá entre o 22 e o 25 de febreiro a máis de 120 ciclistas de diferentes países e dos grandes equipos do circuíto internacional: Visma, Ineos, Movistar, Cofidis, EF Education, Groupama e Arkea estarán presentes nunha proba na que se poderá desfrutar da presencia de ciclistas internacionais como Jonas Vingegaard, actual campión da edición de 2023 e do Tour de Francia A través deste patrocinio, a Deputación levará a cabo accións de promoción e publicidade en diferentes medios: a web do evento, as súas redes sociais, nas presentacións a medios, nas roldas e notas de prensa, na retransmisión da carreira, en diferentes soportes publicitarios físicos e no vídeo oficial. “Para nós é fundamental apostar por captar, impulsar e colaborar coa organización de grandes eventos deportivos no noso territorio, que son unha panca para a proxección do turismo deportivo e da nosa marca como provincia”, explicou o presidente da Deputación, Luis López, ao tempo que asegurou que grazas a “O Gran Camiño”, “viviremos un espectáculo 100% Rías Baixas”.