A Deputación abre este martes o prazo para inscribirse nos Campamentos A Lanzada 2024

Ata o 27 de febreiro poderase solicitar algunha das 1.540 prazas do programa de lecer que a institución provincial organiza cada verán nas instalacións do Grove

A Deputación de Pontevedra abre este martes, 30 de xaneiro, o prazo para participar no programa de Campamentos A Lanzada 2024, que este ano terán lugar entre o 23 de xuño e o 7 de setembro, nas instalacións que a institución provincial ten no Grove. Ata o 27 de febreiro poderá solicitarse unha das 1.540 prazas ofertadas para desfrutar do programa de lecer no que os rapaces realizarán un amplo e completo abano de actividades. Os campamentos distribuiranse en once quendas de sete días de duración cada unha (de domingo a sábado) e están dirixidos a mozas e mozos empadroados nalgúns dos concellos da provincia nados entre os anos 2011 e 2016, ambos incluídos.

A primeira das quendas dos Campamentos A Lanzada comezará o 23 de xuño, e desenvolverase ata o 29 dese mesmo mes. As restantes terán lugar entre o 30 e o 6 de xullo, o 7 ao 13 de xullo, o 14 e o 20 de xullo, o 28 de xullo ao 3 de agosto, o 4 ao 10 de agosto, o 11 ao 17 de agosto, o 18 ao 24 de agosto, o 25 ao 31 de agosto, e o 1 ao 7 de setembro, se ben a duración da derradeira quenda estará condicionada á data de comezo do curso escolar 2024-2025 que publicará a Xunta de Galicia proximamente.

En cada unha das quendas participarán 140 nenos ata completar as 1.540 prazas ofertadas, das que 210 estarán reservadas para menores en situación ou risco de exclusión social e as 1.330 restantes adxudicaranse por procedemento xeral. O prezo destas últimas prazas é de 110 euros, 80 no caso de que sexan menores de familia numerosa ou monoparental, mentres que a Deputación asumirá o 100% do prezo das prazas destinadas á inclusión social dos cativos da provincia. A solicitude de prazas pode realizarse a través da sede electrónica da Deputación (https://sede.depo.gal) e, ao igual que en anos anteriores, serán adxudicadas por sorteo.

No Centro de Vacacións da Lanzada os cativos poderán desfrutar dun amplo programa de actividades entre as que destacan as actividades deportivas no propio campamento (deportes alternativos, tiro con arco, orientación, carreira de obstáculos), na praia (bodyboard, snorkel ou xogos de praia), actividades circenses (malabares, clown ou equilibrios), de coñecemento do medio, excursións a lugares como o Monte da Siradella ou a Illa de Ons, obradoiros, xogos ou veladas. Toda unha semana completa de ocio que rematará coa gran festa final, na que, ademais, se seleccionará a mascota do grupo entre as que crearán todos os cativos.