A Deputación abre este luns o prazo para inscribirse na segunda ruta ornitolóxica de “Voando nas Rías Baixas”

A ruta, impulsada pola institución provincial da man de SEO/BirdLife, terá lugar o 11 de febreiro e permitirá coñecer as aves da contorna do río Lérez e o Complexo Intermareal Combarro-Lourido

Dende este luns 29 de xaneiro e ata o 9 de febreiro poderase formalizar a inscrición para participar na segunda das rutas ornitolóxicas da Deputación de Pontevedra deste 2024. A segunda proposta do ano do programa “Voando nas Rías Baixas”, que impulsa a institución provincial da man de Seo/BirdLife, terá lugar o domingo 11 de febreiro cunha ruta polo Estuario do río Lérez e o Intermareal Combarro-Lourido (Pontevedra e Poio).

O Lérez verte as súas augas sobre o mar ao fondo da ría de Pontevedra e apórtalle ricos sedimentos a un interesante intermareal no que as áreas de lodo e area atraen a unha grande diversidade de aves. Neste espazo destacan as limícolas, coma o pilro común, a píllara cincenta, a píllara real, o mazarico chiador, o virapedras, o bilurico patirrubio, a gaivota ou o bilurico das rochas. Non faltan as aves mariñas coma o mourelo, o carolo, o carrán cristado ou o corvo mariño grande; os ardeidos como a garza real ou a garzota e incluso é posible atopar algún cullereiro.

As persoas interesadas en participar poderán facelo a través do formulario publicado xa na páxina web da Deputación de Pontevedra. Ofértanse 25 prazas e poderase anotar na actividade a persoa solicitante xunto con tres acompañantes máis. O percorrido, guiado por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúe un autobús tanto para o desprazamento coma para a visita da zona na que ten lugar a actividade e recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado. Cada participante terá á súa disposición prismáticos para observar aves e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas. Ademais, entregaráselle unha guía de aves.

O programa “Voando nas Rías Baixas” contempla no 2024, ademais deste percorrido polo Estuario do río Lérez e Intermareal Combarro-Lourido, outras cinco rutas ornitolóxicas por diferentes espazos da provincia de alto valor ecolóxico ou protexidos pola Rede Natura 2000. Deste xeito, en abril polas Ribeiras do río Umia (Ribadumia e Cambados), en maio pola Serra do Suído (A Lama, Fornelos de Montes e Covelo), en xuño pola praia da Lanzada (O Grove), en setembro polas lagoas de Rouxique (Sanxenxo) e en novembro polo esteiro do río Miño (A Guarda).