A delegada territorial da Xunta participou hoxe na presentación da 37ª edición do Trofeo Príncipe de Asturias e os Premios Nacionais de Vela Terras Gauda

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este martes na presentación da 37ª edición do Trofeo Príncipe de Asturias e os Premios Nacionais de Vela Terras Gauda, organizado polo Monte Real Club de Yates de Baiona e que terá lugar do 2 ao 4 de setembro.

A representante autonómica destacou durante a súa intervención a aposta do club por unha proba na que se inclúe tamén a 26ª Gestilar Ladies Cup, regata pioneira na aposta polo deporte feminino. “Hai que destacar que desde hai moitos anos Baiona tivo unha excelente visión de futuro e decidiu dar un paso adiante na defensa das mulleres”, apuntou.


“Nesta promoción e defensa do deporte feminino atoparédesme sempre a min e á Xunta de Galicia, para demostrar que a colaboración entre administracións, entidades deportivas e empresas é un modelo moi beneficioso para a sociedade”, indicou. Ademáis, Fernández-Tapias mencionou o premio que recibirán María Perelló e Marta Cardona como Mellor Equipo de Vela Lixeira.

A competición está organizada un ano máis polo Monte Real Club de Yates e a Escola Naval Militar, e conta coa colaboración da Real Federación Española de Vela e a Real Federación Galega de Vela. Tamén está prevista unha gala especial para os Premios Nacionais de Vela Terras Gauda, uns galardóns que recoñecen aos mellores deportistas e institucións do mundo náutico en España e que se entregarán o sábado 3 de setembro ás 20:00 horas. Serán máis de 80 os veleiros que competirán, do 2 ao 4 de setembro, nas tres xornadas de regatas programadas, que terán como escenarios o interior da baía de Baiona, diferentes puntos da ría de Vigo e o fondeadoiro das Illas Cíes.