A Corporación de Vigo valida a modificación urbanística para iniciar a rehabilitación da Panificadora

Un pleno extraordinario ratifica por unanimidade a proposta para o cambio do ámbito no Plan do Casco Vello

Novo paso para a rehabilitación da Panificadora. O Pleno da Corporación Municipal de Vigo, reunido este luns en sesión extraordinaria, acordou por unanimidade a modificación puntual do Plan Especial de Reforma do Casco Vello, que queda aprobada definitivamente e dá cabida ao proxecto arquitectónico de recuperación da factoría gañador dun concurso de ideas promovido polo Concello.

Segundo explicou Abel Caballero en declaracións posteriores á sesión plenaria, o cambio urbanístico permite iniciar o proceso de expropiacións para facerse co solo e comezar a transformación do espazo. Para o alcalde, a tomada este luns no Pleno é «unha das grandes decisións deste mandato», que preserva a Panificadora e terá uso dotacional e aberto ao público.

Tanto o alcalde como a concelleira de Urbanismo no debate plenario recordaron os distintos convenios asinados para o ámbito da Panificadora, propostas que en todos os casos contemplaban un aproveitamento lucrativo.

Debate

Todos os concelleiros da Corporación municipal votaron a favor desta modificación puntual no ámbito da Panificadora. A edil de Urbanismo, María José Caride, puxo en valor que o cambio posibilita a súa conversión nun lugar «para todos, con praza pública que comunicará a Praza do Rei, a Panificadora e o Paseo de Alfonso», o que suporá unha «mellora substancial no entorno urbano».

A proposta do goberno de Vigo recibiu o respaldo do resto de corporativos. Xabier Pérez Igrexas valorou esta «decisión importante» que «salda unha débeda da cidade consigo mesma», mentres que Rubén Pérez Correa cualificou de «boa» unha iniciativa «inédita» de conservación do patrimonio industrial vigués.

O voceiro do grupo municipal do PP de Vigo, Alfonso Marnotes, explicou que a actuación é «necesaria, boa, útil e resolve un problema histórico». Ademais, todos eles demandaron detallar os usos que acollerá a Panificadora, ao que María José Caride -que agradeceu o apoio de todos os edís- respondeu que o instrumento de planeamento ten que ser o máis aberto posible precisamente para poder dar cabida a eventuais cambios.