A obra, inspirada nun proceso persoal de perda e reencontro, proxectarase este venres en Compostela cun coloquio coa directora
A cineasta viguesa Adriana Páramo presentará este venres 14 de novembro ás 18:15 horas no Salón Teatro de Santiago de Compostela o seu documental Grelei raíces no teu lar, dentro da sección Panorama Audiovisual Galego do festival Cineuropa. A actividade contará cun coloquio coa directora ao remate da proxección e será de balde, previa reserva na web compostelacultura.gal.
Unha reflexión íntima sobre o fogar e a identidade
O filme propón unha reflexión íntima e visual sobre a maternidade, a identidade e a reconstrución emocional, partindo da experiencia persoal de Páramo tras a morte inesperada da súa tía. Este acontecemento levouna a deixar Londres, onde vivira once anos, e a regresar a Vigo, instalándose na casa familiar para iniciar un proceso de autocoñecemento e sanación.
Durante este tempo, a cámara converteuse na súa aliada, rexistrando o dó, o día a día e o proceso de reconstrución interior que culminou coa decisión de emprender a maternidade en solitario. O documental bebe de referentes como Chantal Akerman, Agnès Varda e Joyce Chopra, incorporando a ollada doméstica e o persoal como espazo político e de resistencia.
Da tese doutoral ao circuíto internacional
‘Grelei raíces no teu lar’ forma parte da tese doutoral que Adriana Páramo desenvolve na Royal Holloway University de Londres, onde investiga a representación do parto no cinema. A peza foi xa exhibida en festivais como a Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín e o Festival Internacional de Cine de Pasto (Colombia).
Adriana Páramo (Vigo, 1985) é directora, investigadora e cofundadora do Galician Film Forum, e no seu traballo destaca a exploración da identidade e a representación das mulleres.

