A CIG denuncia a caída do falso teito da sala Covid do centro de saúde de A Guarda

Imaxe do teito caído.

O sindicato pide que se acometan as obras necesarias para garantir a seguridade de persoal e pacientes

A federación de Saúde da CIG de Vigo vén de reclamar que se leve a cabo unha revisión técnica do centro de saúde da Guarda despois de que o falso teito da sala covid se viñese abaixo onte sen causar danos persoais. Ademais, esixe que se levan a cabo as obras necesarias para garantir a seguridade tanto do persoal como dos usuarios e pacientes.

Dende a central sinalan que afortunadamente non houbo que lamentar danos persoais, «mais si danos materiais que supuxeron que a reparación se prolongase até altas horas da madrugada», e lembran que teñen denunciado a situación do centro.

Dende a CIG indican que as traballadoras/es do centro amósanse preocupadas/os por que unha situación semellante se poida volver a producir con consecuencias graves, «xa que momentos antes do derrubamento había persoal facendo uso da devandita sala».