A cidade recupera o 100% de aforo nos campos de fútbol e nas pistas de Balaídos

O Concello actualiza as normas de uso das instalacións deportivas municipais co cambio da normativa autonómica de xeito que queda establecido o cento por cento do aforo nas bancadas ao aire libre e o 80% nas bancadas en interiores

O alcalde deu conta en rolda de prensa este luns dos cambios nos requisitos para o uso e acceso a estas instalacións apuntando que as pistas de Balaídos e os campos de fútbol poderán ocupar a totalidade das súas prazas ao permitirse o cento por cento de aforo en exteriores.

No caso dos espazos interiores, os aforos máximos permitidos quedan como sinalou: As Travesas (2.480 persoas), Pista vermella (288), Pavillón do Carmen (384), Bouzas (409), Coia (352), Navia (1169), Valadares (256), Balaídos (48 en cada pista), Bembrive (260), Candeán (240), Lavadores (172), Teis (272), Berbés (280), Coruxo (256), Frontón (264) e o Squash Balaídos (40).

Caballero engadiu que para o uso das instalacións deportivas é obrigatorio o uso de máscara, tamén nas bancadas, o acceso e saída farase de forma controlada, queda limitado o uso de aseos e prohibido o consumo de alimentos.

Amais, o Concello autoriza o uso dos vestiarios para cambio de roupa, calzado e para deixar mochilas, tanto en partidos como adestramentos, con máximo de persoas permitido.

No caso das pistas de atletismo, o aforo máximo é de 125 deportistas, e no caso do squash para uso recreativo, permítese de novo a reserva en liña.

O goberno municipal actualizou os aforos nas bibliotecas de Navia e do Auditorio Mar de Vigo ampliándoo ao 90% da capacidade, de xeito que, desde este luns 11 de outubro, poderán facer uso da sala de lectura de Navia 129 persoas e no Mar de Vigo poderán estar 356 persoas.