Unha exposición de fotografía documental que percorre 25 anos de profesión do vigués Javier Teniente
O público poderá gozar destas 180 fotografías ata o próximo 5 de setembro
A exposición de Javier Teniente Unha Xeografía Atormentada plantéxase como a gran mostra deste fotógrafo vigués que percorrerá en profundidade boa parte das series fotográficas que este autor realizou ao longo de máis de 25 anos de carreira fotográfica e que nunca se mostraron na súa totalidade. Esta mañá, durante a inauguración, o rexedor felicitou ao artista e animou a toda a cidadanía a gozar dunha mostra excepcional.
Unha Xeografía Atormentada, comisariada por Jorge Lens, abarca as diferentes temáticas realizadas en contornas de conflito interpretadas pola mirada particular deste autor.
Trátase dunha revisión reflexiva sobre o traballo que levou a cabo durante tantos anos como fotógrafo independente en guerras e desastres naturais.
O conxunto desta mostra é o resultado dun proceso de selección entre miles de fotografías levado a cabo en colaboración entre Javier Teniente e o comisario Jorge Lens. A exposición propón unha lectura da obra de Javier Teniente que traspasa o concepto de documento informativo para fixarse especialmente na faceta máis humanista e comprometida do fotógrafo.
A selección proposta, formada por 180 fotografías, non esconde algunhas imaxes explícitas pero pon o acento na esperanza do cambio e no futuro como escenario para a recons- trución das vidas humanas e da recuperación da natureza.
Javier Teniente, nado en Vigo en 1968, comezou a súa traxectoria fotográfica nun diario local, pero pronto se lanzou a percorrer o mundo para dar testemuño de toda unha serie de acontecementos extremos. As súas fotografías foron publicadas no País Semanal, Geo, Interviú, Magazine do xornal La Vanguardia, El Mundo e Tiempo, entre outras publicacións de alcance nacional e internacional.

