A Cañiza mobilízase contra o peche da piscina climatizada

Os veciños reclaman a reapertura da infraestrutura tomando as medidas necesarias para garantir os protocolos derivados do Covid

Unha morea de veciños da Cañiza mobilizáronse esta fin de semana diante do Consistorio en contra do peche da piscina climatizada. Os manifestantes acudiron ataviados con gorros de piscina, flotadores e pancartas con mensaxes reivindicativas, para deixar constancia da súa postura ante a decisión do equipo de goberno de pechar unas instalacións deportivas que definen como “únicas na comarca”.

“Os concellos da contorna, e con eles A Cañiza, aportan e comparten os recursos dos que dispoñen, xerando un movemento poboacional que fai que sexa posible que as persoas que apostamos por vivir aquí, teñamos máis servizos. O peche da piscina deixanos illados, fóra dese movemento poboacional, que tamén moviliza ao comercio local e axuda a dinamizar o noso rural. O alcalde pechou os parques e agora a piscina. Coa piscina pechada a Cañiza estará máis vaciada”, declara Carmen Rodríguez, responsable da organización da manifestación.

Tanto Carmen coma outros veciños que están en contra da decisión do goberno, plantexáronlle ao alcalde nunha reunión informativa mantida hai un par de semanas, posibles solucións para evitar o peche definitivo, pero iso non foi suficiente para que recapacitase e procurase outras alternativas.

Segundo Carmen Rodríguez, “o alcalde pon a excusa do Covid e dos cartos que custa o mantemento da Piscina. Cartos, cartos, cartos, xa nos ten cansos dese discurso, o que ten que facer é buscar solucións para solventar os problemas que poida haber. Todos os concellos de Galicia e España teñen débeda e moitos deles cos mesmos habitantes que o nosos, están bastante peor. Os políticos teñen que dotar aos pobos de servizos e non desmantelar os que xa temos”.

“O peche de servizos públicos afecta ao comercio local, a revalorización das vivendas, e a todos os veciños, nenos e maiores, que disfrutaban dunha actividade deportiva e saudable durante o inverno nunhas instalación cubertas. É moita a xente que se deixa tirada con esta decisión, tanto do pobo coma de fóra”, manifesta a representante dos veciños nesta movilización.

Os veciños da Cañiza reclaman a reapertura da piscina tomando as medidas necesarias para garantir os protocolos derivados do Covid tal e como están facendo outras piscinas coma a de Ponteareas, Porriño, Mos ou Redondela, ou que alomenos, o alcalde se comprometa de forma oficial coa apertura da instalación, unha vez estabilizada a situación sanitaria actual.

“Non queremos que desmantele os nosos servizos nin que valeiren o noso rural”, subliña a entrevistada.

A movilización, que comezou coa colocación de varias pancartas visibles desde a autovía a primeira hora da mañá, estivo amenizada con música e rematou coa ofrenda dunha coroa fúnebre na instalación deportiva, que rezaba “descanse en paz”.