A campaña ‘Non deixes que a túa vida quede na estrada’ pon o foco nas consecuencias das condutas imprudentes ao volante

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de poñer en marcha unha nova campaña de concienciación en materia de seguridade viaria. Baixo o lema ‘Non deixes que a túa vida quede na estrada’, a campaña pon o foco nas consecuencias que poden supoñer as condutas irresponsables ou as imprudencias ao volante.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

A nova campaña de sensibilización da Xunta busca concienciar á cidadanía do que se pode chegar a perder nun segundo por un despiste ou unha conduta inaxeitada ao volante.

A través dun spot audiovisual, cuñas radiofónicas e distintas propostas gráficas, preséntanse á cidadanía distintas situacións da vida normal dunha familia que se ve truncada nuns instantes por un accidente de tráfico.

Sen recorrer á imaxes de accidentes dramáticas, a campaña de sensibilización traballa con elementos suxestivos que trasladan a través dunha simple imaxe -como unhas fotos, un móbil, unha mochila cun ordenador ou un boneco estrados na vía-, o que pode cambiar a vida en poucos segundos por un despiste ou imprudencia ao volante.

Así, a campaña fálanos dos efectos prexudiciais do consumo de alcohol, do uso do móbil cando se está conducindo, sobre as consecuencias do exceso de velocidade ou de non levar posto o cinto de seguridade.

Esta campaña desenvólvese tendo moi en conta os datos de sinistralidade nas estradas, que apuntan a unha certa relaxación de condutas na estrada no uso do cinto, nas distraccións co móbil ou no consumo de alcohol e drogas.

Campañas de sensibilización nos últimos anos

Esta nova campaña de sensibilización en materia de seguridade viaria vense sumar ás que realizou a Xunta nos últimos anos.

Así, en 2017 e 2019, púxose en marcha unha campaña de concienciación centrada nas distraccións ao volante, tendo en conta que estas se converteran na primeira causa recorrente de sinistralidade en Galicia nese momento.

Tamén a Xunta lanzou a campaña ‘Metro e medio’ no ano 2018 co obxectivo de sensibilizar sobre o respecto na estrada entre condutores e ciclistas, un colectivo vulnerable con crecente presenza na estrada.

En 2020, e no contexto de pandemia, buscouse advertir aos condutores de que na desescalada co confinamento seguía a ser necesario conducir de modo seguro.

Nos últimos anos, a campaña de concienciación en materia de seguridade viaria da Xunta estivo centrada en transmitir a fraxilidade das persoas usuarias da estrada, en especial dos peóns, e a necesidade de adoptar unhas sinxelas medidas para a seguridade propia e dos demais, como facerse ver co uso de prendas reflectantes.

Tamén os nenos foron obxecto de actividades divulgativas e de concienciación coa campaña ‘O corazón está do teu lado’, que levou hábitos responsables nas estradas por moitos colexios de Galicia. Os cativos aprenderon con actividades amenas a relevancia de empregar as sendas peonís, camiñar polo lado do corazón, cruzar nos pasos de peóns ou facerse ver o máximo posible ante os vehículos que circulan pola vía.

Obxectivo acadar a “visión cero”

A nova campaña de concienciación da Xunta forma parte do Plan de Seguridade Viaria 2022-2025 que ten como obxectivo acadar a “visión cero”, é dicir, reducir ao mínimo posible as vítimas de accidentes e acadar a meta final de cero vítimas por sinistros nas estradas.

Este Plan, que é a folla de ruta do Goberno galego no eido da seguridade viaria para os vindeiros anos, foi recoñecido como referencia nacional polo Observatorio Nacional de Seguridade Viaria.

O programa recolle dúas metas estratéxicas, unha delas diminuír o 25% do número de falecidos e feridos graves nas vías interurbanas e nas travesías, con respecto a 2019. O outro fito é reducir o 25% dos falecidos e feridos graves en usuarios vulnerables como os peóns, ciclistas ou motoristas.

entre os obxectivos está a eliminación de tramos de concentración de accidentes existentes na rede de estradas autonómicas

Para acadar estes obxectivos, o Goberno galego ten en marcha distintas accións específicas que abarcan todos os ámbitos que afectan á seguridade viaria: a mellora das infraestruturas, a promoción da educación e formación viaria, o bo estado do vehículo ou a priorización da seguridade viaria no lugar de traballo.

No que se refire ás intervencións en marcha, a Xunta segue a avanzar no desenvolvemento da Estratexia para a eliminación de tramos de concentración de accidentes existentes na rede de estradas autonómicas: leva mobilizados preto de 17 M€ que permitiron reducir case 50 km de puntos negros nas estradas autonómicas, diminuíndo a accidentalidade en máis dun 60%. Agora está a avanzar na elaboración dunha nova Estratexia de eliminación de treitos de concentración de accidentes baseándose nos identificados no ano 2021.

A Xunta segue tamén a apostar por unha mobilidade peonil e ciclista máis segura e sostible, coa construción de novas sendas, tres ter habilitado máis de 300 quilómetros de itinerarios peonís e ciclistas nas estradas autonómicas nos últimos anos, cun investimento que supera os 50 M€, impulsando tamén grandes eixes de mobilidade nas contornas das cidades ao abeiro dos fondos Next Generation.

Tamén se están a desenvolver intervencións para reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade nas paradas de autobús situadas nas vías de titularidade da Xunta, unha iniciativa dirixida aos usuarios máis vulnerables das estradas, os peóns, coa que se está a actuar en 1.100 paradas de autobús cun investimento de 35 M€.

Impúlsanse, ademais, obras específicas para a eliminación de obstáculos nas estradas que teñen como obxectivo conseguir “estradas que perdoan” os erros que cometemos e dan unha segunda oportunidade de volver á estrada e evitar sinistros. Unha iniciativa que se reforzará nos vindeiros anos a través dunha Estratexia de actuación nos treitos de alto potencial de mellora.

Ademais, nos últimos anos a Xunta vén apostando por unha medida eficaz para a conservación dos máis de 5.500km de estradas autonómicas:  o Plan de reforzo de firmes, co que nos últimos sete anos se levan licitado obras que superan os 140 M€. No que vai de ano a Administración galega licitou traballos de mellora do firme nas estradas autonómicas por un importe que supera os 20 M€. Tamén tendo en conta os efectos do cambio climático e a necesidade de manter as vías en condicións para reducir riscos, a Xunta está desenvolvendo liñas pioneiras como o programa de inspeccións nas pontes e obras de paso, ademais de en muros e noiros.