A Cabalgata de Reis de Vigo contará con 10 carrozas

Ao longo do percorrido da Cabalgata, o goberno municipal repartirá 4.200 kg de caramelos sen glute

Esta fin de semana a cidade alcanzou unha ocupación hoteleira do 92%, converténdose “nun Nadal turístico excepcional”

O alcalde de Vigo explicou que xa se adxudicou o servizo de deseño e produción das carrozas municipais para a Cabalgata de Reis de 2025, por un importe de 92.692 euros. Baixo o lema “Contos de Nadal”, a operativa da Cabalgata de Reis este ano contará con 10 carrozas, das que a metade son municipais, como indicou o rexedor, “a de Melchor, Gaspar, Baltasar, a Carteira Real e unha da Policía Local”.

O domingo 5 de xaneiro, Vigo contará, de novo, con dúas modalidades de cabalgata. A Avenida de Castelao acollerá, de 11 a 14:30 horas, a estática, na que traballarán 74 persoas dentro do dispositivo de seguridade. A cabalgata tradicional, en movemento, sairá ás 18 horas, cun percorrido de 2,5 km, partindo da Avenida de Castelao, e pasando por Praza América, Camelias e Álvaro Cunqueiro, ata chegar á Praza do Bicentenario. A Cabalgata contará coa participación de Discamino e 7 animacións.

Posteriormente, en torno ás 20:30 horas, terá lugar a recepción das Súas Maxestades na árbore xigante da Porta do Sol. Caballero tamén informou que ao longo do percorrido da Cabalgata repartiranse 4.200 kg de caramelos sen gluten.