Ao longo do mes seguirá habendo as habituais sesións de contacontos os sábados e os xoves
A Biblioteca Púiblica Juan Compañel, xestionada pola Xunta en Vigo, dedicará xuño aos contos de onte, cunha mostra das historietas e libros que lían os nosos avós e avoas na súa infancia, e ao Camiño Portugués da Costa no marco do Xacobeo 21-22. Pola súa banda, o público infantil seguirá gozando ao longo do mes das habituais sesións de contacontos. A programación completa pode consultarse na web do centro bibliotecario.
Así, a partir do vindeiro martes as persoas que se acheguen ao centro poderán coñecer a través da mostra bibliográfica Contos de onte: que lían os nosos avós?, as lecturas máis populares entre a rapazada da posguerra española, como o famoso TBO ou a saga de novelas infantís Celia.
Xa de cara ao verán e ao tempo de lecer, do 14 de xuño ao 30 de setembro instalarase a exposición De caminho a camiño: o camiño portugués da costa, que descubrirá as etapas e lugares desta ruta, a prol do turismo de proximidade. Xunto a ela haberá un centro de interese con guías turísticas e obras vinculadas aos lugares senlleiros deste vieiro tradicional.
Canto ao público infantil, continúa desenvolvéndose o programa Os sábados, conto, dirixido á cativada a partir de catro anos. Vero Rilo abre o mes con E a ti…que che contaban?, un espectáculo de narración oral que combina contos con xogos cotiás que xa non o son tanto, nun achegamento á memoria tradicional e familiar compartida. Será o día 5 con dúas sesións, unha ás 12,00 e outra ás 13,00h.
O sábado 12, César No presentará as historias dun príncipe que quería vestir de rosa, dunha princesa que desexaba ser pirata e dunha chea de animais que buscan romper cos estereotipos asignados a cada xénero, con Príncipes rosas e princesas pirata. O día 19 péchase o programa con Mariña, contos nacidos no mar, da man de Raquel Queizás e dunha serea galega que viviu hai moitos anos e que sae da auga para compartir as súas historias.
Os bebés ata tres anos gozarán da Biblioteca dos pequenos o xoves 3, con Ana Facchini e os seus cantos e contos de animais en Bechiños, e o 17, cos Contos cativos de Charo Pita.
Obradoiro para o verán
Co gallo do comezo da programación de verán, o día 8 de xuño abrirase a inscrición para o obradoiro Steam 21, que se desenvolverá do 5 de xullo ao 30 de agosto en catro quendas de dúas semanas. A actividade, dirixida á rapazada de sete a 14 anos, realizarase de luns a venres, de 10,30 a 13,30h. Nas sesións practicarase deseño e impresión 3D, programación con Scratch, Robótica con Mbots e Mini-Drons.

