Ao líder do grupo imponlle 13 anos de cárcere e o pago dunha multa de 721.546.750 euros
O barco, que partiu de Panamá e tiña como destino o porto de Vigo, foi abordado en augas internacionais en abril de 2020
O tribunal considera probado que a actividade fundamental dos membros do grupo criminal era “alixar partidas de substancias estupefacientes que se transportaban por vía marítima”
A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra condena a 26 persoas relacionadas co transporte de 3,8 toneladas de cocaína con destino ao porto de Vigo. A droga foi intervida en abril de 2020 durante a abordaxe, en augas internacionais, do barco MV Karar, que partira de Panamá. A droga, segundo consta no fallo, tiña unha pureza do 77,6 % e o seu valor no mercado ilícito alcanzaría os 146,3 millóns de euros.
En concreto, ao líder do grupo imponlle 13 anos de cárcere e o pago dunha multa de 721.546.750 euros por cometer un delito de tráfico de drogas de substancias que causan grave dano á saúde de extraordinaria gravidade, en concurso medial cun delito de contrabando de xénero prohibido, e un delito de integración en grupo criminal.
O tribunal, ademais, condena, polos mesmos delitos, a sete persoas, a cinco das cales lles impón dez anos de prisión; a outra delas, once anos de prisión, ao considerala tamén autora dun delito de tenza ilícita de armas; e, á sétima, dez anos e nove meses, pois ten en conta a agravante de reincidencia. Cada unha delas deberá pagar unha multa de 585.237.400 euros.
Ao funcionario de Aduanas acusado na causa condénao a once anos e medio de prisión e ao pago de 1.720.782 euros, como autor dun delito de tráfico de drogas das que causan grave dano á saúde en cantidade de notoria importancia e doutro de branqueo de capitais procedente do narcotráfico.
Por outra banda, imponlle á persoa que entregou cartos en Madrid ao devandito funcionario e que escondía nun domicilio de Leganés droga que alcanzaría no mercado ilícito un valor de 442.092 euros, como autora dun delito de tráfico de drogas que causan grave dano á saúde en cantidade de notoria importancia, oito anos de prisión e unha multa de 1.326.276 euros.
A cada un dos 14 tripulantes -incluído o capitán- e ao único español que ía a bordo do MV Karar, cuxa función, segundo a sentenza, era a de ser “notario” da droga, imponlles seis anos de cárcere e unha multa de 585.310.000 euros, como autores dun delito de tráfico de drogas de substancias que causan grave dano á saúde de extraordinaria gravidade. A Sala acorda, dada a súa condición de estranxeiros e a que todos eles cumpriron o tempo máximo de prisión preventiva, a substitución da execución do resto da pena privativa de liberdade pola súa expulsión do territorio nacional, non podendo regresar a España no prazo de cinco anos.
A outro dos acusados, quen se dedica profesionalmente á construción e reparación de embarcacións, a Audiencia considérao autor dun delito de tráfico de drogas de substancias que causan grave dano á saúde de extraordinaria gravidade, polo que lle impón sete anos de prisión e unha multa de 585.309.350 euros.
O tribunal considera probado na sentenza, de 400 páxinas, que a actividade fundamental dos membros do grupo criminal era “alixar partidas de substancias estupefacientes que se transportaban por vía marítima”, así como “o seu traslado e ocultación en terra, utilizando, para iso, embarcacións rápidas, acondicionadas ou construídas para a devandita finalidade, que gardaban nas diferentes naves das que dispoñían, dedicándose, ademais, algúns deles, á comercialización posterior de substancia estupefaciente”.
Todas as naves, segundo o fallo, tíñanas en réxime de alugueiro, o cal era sufragado polo líder do grupo, “aínda que formalmente os contratos figurasen a nome dalgún dos procesados ou de terceiros”.
A Sala relata na resolución que, no desenvolvemento desta actividade, “os procesados comprometeron a recepción dun cargamento de droga”, en concreto, a que transportaba o MV Karar, que partiu de Panamá e no que se cargou a cocaína fronte á costa de Colombia. A súa principal función, segundo sinalan as xuízas, era “a de saír ao encontro do buque, nunhas coordenadas determinadas, coas lanchas rápidas das que dispoñían, as cales se atopaban especialmente acondicionadas para esa actividade, e o posterior traslado e ocultación en terra da droga alixada”.
O destino final do MV Karar, un buque de servizo a plataformas mariñas, era o porto de Vigo, pero o atraque foi rexeitado por carecer de xustificación suficiente, polo que a descarga da droga se ía realizar en alta mar.
O tribunal destaca no fallo que os procesados “tiñan á súa disposición para a comisión da súa ilícita actividade de narcotráfico catro embarcacións, constitutivas, todas elas, de xénero prohibido”.
Na resolución, ademais, afirma que en xuño de 2020 interceptouse en Madrid unha entrega de 368.000 euros vinculada á distribución de cocaína a un funcionario do Servizo de Vixilancia Aduaneira da Especialidade Marítima e con destino en Vilagarcía de Arousa.
As maxistradas entenden que non se acreditou que a muller do funcionario “tivese participación algunha na actividade de tráfico de drogas do seu marido”, por iso é polo que resulta absolta. Con todo, manifestan que, ao longo do seu matrimonio, “realizaron importantes desembolsos económicos na adquisición de bens e servizos directamente dirixidos a dar entrada no mercado lícito ao diñeiro obtido polo devandito funcionario, procedente da súa actividade de narcotráfico, aflorando, a través de diferentes operativas, un total de 492.391,27 euros”. De aí, a condena ao procesado por un delito de branqueo de capitais.
A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante o TSXG.

