A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a 19 anos de cárcere a un home que tentou asasinar á súa muller o mesmo día no que chegaron a un acordo sobre o procedemento de divorcio. Os maxistrados consideran acreditado que o sospeitoso, que tiña vixente unha orde de afastamento da vítima e do seu domicilio, situado no municipio de Ponteareas, ese día, o 15 de xaneiro de 2020, accedeu ao anexo da casa, onde permaneceu ata que entrou á súa exmuller e a atacou cun obxecto contundente metálico similar a un machete ou atizador coa intención de causarlle a morte.

O tribunal asegura que a golpeou na cabeza “sen aviso previo”, de forma que a vítima careceu de posibilidade de evitar o golpe. Ademais, o sospeitoso, unha vez que a súa exesposa caeu ao chan, “seguiu golpeándoa reiteradamente co obxecto contundente que portaba”. Os berros alertaron ao fillo do matrimonio, que estaba na vivenda e acudiu en auxilio da súa nai. Cando viu que estaba no chan e o seu pai a golpeaba, volveu a casa e colleu unhas tesoiras para defendela, pero ao saír do inmoble, o seu pai golpeouno na cabeza co mesmo obxecto co que atacara á súa nai. Tras tirar ao seu fillo ao chan, produciuse un forcexo e o afectado saíu a pedir axuda, polo que o seu pai abandonou o lugar dos feitos.

O acusado foi condenado como autor dun delito de asasinato en grao de tentativa, coa agravante de parentesco e de xénero, así como por un delito de lesións e outro de quebrantamento de condena. Ademais da pena de prisión, a Audiencia impúxolle o pago dunha indemnización de 47.000 euros á súa seu exmuller e, ao seu fillo, de 15.500 euros polas lesións, os días de curación, as secuelas e o dano moral que lles causou.