A asociación VONTADE e o Club Sen Amarras organizan xornadas inclusivas de navegación polo río Miño

Ao longo dos meses de verán, grupos e entidades de persoas con discapacidade están a participar nesta actividade que permite achegarse e coñecer a riqueza natural e ambiental da Comarca do Baixo Miño

Ata o momento, máis de 100 persoas tiveron a oportunidade de participar na actividade, que conta con prazas dispoñibles para o mes de setembro

A Asociación de Persoas con Discapacidade da Comarca do Baixo Miño (VONTADE) está a desenvolver, en colaboración co Club Sen Amarras, xornadas inclusivas de navegación polo río Miño, nas que contribúe á difusión da contorna natural da comarca e nas que participaron máis de 100 persoas.

Estas xornadas, que se realizan co apoio da Deputación Provincial de Pontevedra no marco do proxecto “Río Miño Marca Inclusiva”, introducen o concepto do turismo accesible ofrecendo os recursos que garanten a igualdade de oportunidades de todas as persoas, poñendo en valor un recurso natural e medioambiental, como é o río Miño, ao grupo social das persoas con discapacidade que de forma habitual non pode acceder a este medio.

Nas mesmas tamén participa o Concello de Tomiño a través do proxecto “Navegando pola historia do Baixo Miño”, co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio histórico da contorna achegándonos ao sistema de fortificacións e á historia da Guerra de Restauração que deron lugar ás mesmas.

A actividade prolongarase durante o mes de setembro, polo que as persoas e/ou entidades interesadas en participar poden contactar coa asociación VONTADE no teléfono 986 62 30 44. Dende VONTADE recalcan a necesidade de facer accesible e promocionar a comarca entre as persoas con discapacidade, cumprindo cos obxectivos de accesibilidade universal.