A Asociación Veciñal de Teis, demanda do Concello de Vigo, unha implicación para a finalización do conflito laboral na empresa Vitrasa que esta afectando ao servizo do transporte urbano en Vigo. Desde agosto de 2021, os traballadores levan con paros parciais, folgas de 24 horas e mobilizacións na demanda dun convenio digno na empresa Vitrasa.
«Estas mobilizacións están afectando desde hai mais de dous anos ao servizo diario de autobús, o que supón graves molestias aos usuarios ( supresión de autobuses, demora na frecuencias, etc) A isto, temos que sumar que Vitrasa despois da pandemia da COVID, realizou un recorte nas frecuencias e servizos de maioría das liñas, no caso de Teis ( C3,C5, L17,L31 …) empeorando o servizo de forma clara, sen que o Concello fixera nada», lamentan.
«Neste tempo observamos como o Concello de Vigo, responsable máximo dun servizo municipal, ten unha actitude totalmente pasiva e non se implica para atopar unha solución ao conflito e esixir a Vitrasa, que non reduza frecuencias e servizos de autobús. Todo indica que o transporte urbano, non é unha prioridade, para este goberno municipal».
Desde a Asociación Veciñal de Teis, manifestan o seu apoio aos traballadores de Vitrasa e fan un chamamento a veciñanza a participar na manifestación deste vindeiro venres 20 de outubro ás 19:00 horas, desde Os Choróns.

