A asociación ADAPTA inicia ximnasia de mantemento en Ponteareas

Esta actividade, que financia a Deputación, está dirixida ás persoas maiores de 50 anos, prioritariamente

As instalacións que a asociación de persoas con discapacidade ADAPTA ten no centro Asprodico de Ponteareas (Barrio de Canedo s/n, baixo) acollen, a partir do 20 de setembro, unha actividade de ximnasia de mantemento dirixido a persoas maiores de 50 anos, prioritariamente.

Esta actividade, que está enmarcada no programa Depo en Marcha que financia a Deputación de Pontevedra, ten como obxectivo promover a inclusión social e favorecer o envellecemento activo das persoas a través de distintos obradoiros.

Cun custo de 7 euros, esta actividade de ximnasia terá unha duración de 30 horas distribuídas entre os martes e xoves en horario de 17:00 a 18:30 horas. Como as prazas son limitadas, é necesario facer unha reserva anticipada da praza que pode realizarse contactando coa asociación ADAPTA nos teléfonos 986 916 012 e no 662 947 289 de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas e os luns e mércores en horario de 17:00 a 19:00 ou enviando mail a crd.ponteareas@cogami.gal.

Esta actividade de ximnasia de mantemento está aberta a todas as persoas que teñan interese en participar, non é necesario estar asociada á entidade nin ter discapacidade.