Este ano impartirán o curso de práctica clínica un total de 28 profesores asociados e 752 colaboradores
A Área Sanitaria de Vigo recibiu hoxe aos alumnos e alumnas da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago que cursarán sexto ano de grao nos centros sanitarios públicos vigueses. En total son 95 estudantes (69 mulleres e 26 homes).
Desde o ano 2014, no que recibiuse aos primeiros alumnos de 6º de medicina (11) ata a actualidade, tense formando a case 800 estudantes na práctica clínica. Con esta nova promoción que inicia hoxe o curso se consolida así a capacidade docente da sanidade pública viguesa.
28 profesores asociados e 752 colaboradores docentes
No transcurso do acto de recepción, o xerente da Área, Javier Puente, felicitou á nova coordinadora da Docencia de Grao, a doutora Ana Concheiro, e subliñou que este ano haberá 5 prazas máis de Profesor Asociado de Ciencias da Saúde, polo que este curso será impartido por un total 28 profesores asociados e 752 colaboradores docentes.
O xerente referiuse á resolución que acaba de ser publicada no DOG, que convoca 5 prazas de PAC na Área de Vigo, das que 3 son de nova creación (Medicina Familiar e Comunitaria, Oncoloxía Medica e Urxencias) e as outras 2 son para cubrir vacantes de Medicina Interna e Pneumoloxía.
Formación integral
Os alumnos de Medicina realizan o seu último ano nun hospital, cun curso práctico no que se lles imparte un programa docente baseado na rotación por diferentes especialidades médicas e cirúrxicas. En total, traballan sete materias: clínica médica, clínica cirúrxica, urxencias e servizos centrais, clínica obstétrica e xinecolóxica, clínica pediátrica, clínica psiquiátrica e medicina familiar e comunitaria. Durante este período lectivo, os alumnos cumpren un horario de 8.00 á 15.00 horas, e tamén realizan gardas.
Na actualidade, na Área Sanitaria de Vigo hai un total de 1500 estudantes, ademais dos de Medicina, que cursan diversas disciplinas nos centros asistenciais.