A Área Sanitaria de Vigo incorpora novos sistemas de aviso nas habitacións para pacientes con mobilidade moi reducida

Os novos dispositivos foron presentados hoxe nun acto no Hospital Álvaro Cunqueiro e poden estar operativos en tódalas habitacións do centro

A iniciativa foi desenvolta desde a Subdirección de Humanización e Atención a Cidadanía e responde ás necesidades detectadas polos profesionais e pacientes

Esta previsto que estes dispositivos se implanten nas próximas semanas tamén no Hospital Meixoeiro

A Área Sanitaria de Vigo ven de por en marcha un novo sistema de aviso nas habitacións de hospitalización do Hospital Álvaro Cunqueiro adaptado para pacientes tetrapléxicos e/ou con grandes dificultades de mobilidade, co obxectivo de mellorar a súa autonomía, seguridade e atención durante o ingreso hospitalario.

Estes dispositivos permiten aos pacientes solicitar axuda ao persoal sanitario de forma autónoma, a través de pulsadores especiais, sensores de presión e outros mecanismos adaptados ás súas capacidades funcionais. O sistema está deseñado especificamente para persoas con mobilidade extremadamente reducida, que non poden utilizar os sistemas de aviso convencionais.

A iniciativa foi desenvolta desde a Subdirección de Humanización e Atención á Cidadanía, no marco da estratexia de humanización da área sanitaria, e responde ás necesidades detectadas tanto polos profesionais como polos propios pacientes.

Os novos sistemas de aviso xa están dispoñibles para ser empregados en todas as habitacións do Hospital Álvaro Cunqueiro e está previsto que se implanten nas próximas semanas no Hospital Meixoeiro.

Melloras en seguridade, autonomía e acompañamento

A presentación oficial do sistema tivo lugar hoxe polo xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, acompañado da Directora Asistencial, Esther Casal, e o Subdirector de Humanización e Atención á Cidadanía, Francisco Jesús Represas Carrera, quen destacou que “Este sistema é froito da colaboración entre pacientes e persoal sanitario, representa un avance real na dignificación do coidado hospitalario e permite adaptar os recursos ás súas necesidades concretas; algo que é prioritario”.

“Con esta medida -indicaba o subdirector de Humanización e Atención á Cidadanía da Área Sanitaria de Vigo- non só melloramos a súa seguridade, senón que reforzamos a súa autonomía e a sensación de estar acompañados e atendidos, mesmo nas situacións máis complexas”. Con esta actuación, a Área Sanitaria de Vigo dá un paso máis no seu compromiso cunha atención hospitalaria humanizada, adaptada ás necesidades reais de todas as persoas ingresadas.