A Área Sanitaria de Vigo e a Asociación Anedia conmemoraron o Día Mundial da Diabetes coa inauguración dunha exposición de fotografía

O  Álvaro Cunqueiro conta coa tecnoloxía máis avanzada para  evitarlles aos nenos e nenas as múltiples picadas que tiñan que realizarse para medir a glicemia en sangue, mellorando asi a súa calidade de vida

Con motivo do Día Mundial da Diabetes, a Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia (Anedia) inaugurou a exposición de fotografía “Que a diabetes non te pare” nas consultas externas de Pediatría do Alvaro Cunqueiro.

A mostra está composta de 21 retratos realizados polo fotógrafo Pichero, Victor  Manuel Martínez Campos. O obxecto é por en relevancia dúas visións, que a diabetes é unha enfermidade invisible, que non se pode adiviñar nos rostros dos que a padecen e, por outro lado, mostrar a realidade vital de que a diabetes non é un impedimento para cumprir as metas e sonos dos máis novos.

Así, as fotografías mostran a nenos e nenas practicando disciplinas ou actividades deportivas e a súa sombra como persoas adultas convertidas en profesionais. Os protagonistas aparecen con capas para amosar que son heroes e heroínas  que todos os días soportan unha dura presión con esta enfermidade crónica. As fotografías acompañase de testemuños dos nenos e adultos.

Aposta polas novas tecnoloxías

A Unidade de Diabetes Infanto-Xuvenil do Hospital Alvaro Cunqueiro está composta por un Pediatra especialista en Endocrinoloxía infantil e un enfermeiro educador. No momento actual, atenden a 140 nenos e nenas menores de 16 anos con diabetes tipo 1. O pasado ano diagnosticáronse 26 novos pacientes.

Nos últimos anos, o manexo da diabetes ten experimentado grandes avances tecnolóxicos, e o SERGAS realizou unha importante aposta neste eido coa implantación das novas tecnoloxías, co obxecto de axudar aos pacientes no control desta enfermidade así como a mellorar a súa calidade de vida e a dos seus coidadores.

Así, a  día de hoxe, todos os pequenos pacientes do CHUVI dispoñen de motorización de glicemia; isto é, sensores implantados no pel que lles permiten realizar todas as medicións de glicosa que desexen sen necesidade de picarse. Este dispositivo almacena esas medicións, coa data, hora, e resultado dese control; tamén conta cun sistema de alarmas de xeito que os pacientes, os seus coidadores e os profesionais sanitarios dispoñen de toda esa información en tempo real, permitíndolles tomar decisións en canto aos tratamentos

A metades dos pacientes con Bombas de insulina

Segundo afirma o responsable da Unidade, Jose Luis Chamorro, “os menores con diabetes son pacientes crónicos, dependentes da insulina, polo que necesitan inxectarse esta hormona entre 4 e 6 veces ao día. Actualmente ofértase a posibilidade de utilizar os infusores subcutáneos continuos de insulina, as chamadas bombas de insulina; polo que máis da metade dos nosos pacientes xa dispoñen destes dispositivos”.

Trátase dun sistema que regula e administra a cantidade da insulina de xeito automático tras a integración dos valores de glicemia obtidos polo sensor. Así, se o sistema prevé ou detecta que o paciente vai presentar unha hipoglucemia, suspende a infusión de insulina, mentres que se está en hiperglicemia pode incrementar a dose a administrar.