A Área Sanitaria de Vigo conseguiu reducir o uso de antibióticos un 5%

Hoxe celébrase o Día Europeo do Uso Prudente dos Antibióticos para lembrar a importancia de usar adecuadamente estes fármacos

A Área Sanitaria de Vigo acadou unha redución no uso de antibióticos dun 5% con respecto ao pasado ano. Este dato fixérono público hoxe os especialistas con motivo do Día Europeo do Uso Prudente dos Antibióticos.

Isto foi posible grazas ao esforzo que nos últimos anos vense desenvolvendo polo Comité de Infeccións e Política Antimicrobiana xunto co Equipo PROA (Programa de Optimización do Uso dos Antibióticos). Neste senso, segundo explica a coordinadora do Comité, María Teresa Pérez,  ”somos a área sanitaria galega que máis ten reducido a utilización destes fármacos. Trátase dun dato moi positivo, continuando nesa liña anual descendente, xa que hai que recordar que nos últimos seis anos conseguimos reducir o uso global dos antibióticos na nosa área un 30%”. Unha utilización correcta de antibióticos deriva en menos efectos secundarios, máis seguridade para o paciente e igual eficacia clínica.

Doutra banda, en Atención Primaria tamén observouse un descenso no uso dos antibióticos, un 4.8% con respecto ao 2019. Este cambio débese especialmente á diminución de antibióticos para infeccións respiratorias. Moitas destas infeccións están producidas por virus e non precisan de tratamento antibiótico. “Por isto, neste día, aproveitamos para enviar unha mensaxe a poboación reiterando a importancia de  evitar  a utilización de antibióticos no tratamento de catarros e patoloxías de orixe vírico”, insiste a doutora Pérez.

Actualización das Guías para Atención primaria

O Comité de Infeccións e Política Antimicrobiana xunto co Equipo PROA veñen de actualizar as Guías de “Tratamento empírico das infeccións máis habituais en Atención Hospitalaria” de adultos.

Ademais, por primeira vez, elaborouse unha guía de tratamento empírico das infeccións pediátricas máis frecuentes. Trátase dun tríptico, de peto e en versión dixital, que os profesionais levan nas súas batas ou nos móbiles, de fácil manexo e de gran utilidade para a súa actividade diaria.

Estas Guías recollen as pautas e a duración dos tratamentos antibióticos nas infeccións a tratar, naquelas patoloxías máis frecuentes, como a infección de ouriños ou a pneumonía.

Tradicionalmente, relacionábase os tratamentos curtos coa aparición de resistencias ás bacterias ou co fracaso clínico. Hoxe en día, se coñece que é exactamente o contrario. A maioría das infeccións precisan de poucos días de antibióticos para resolverse. Ademais, a duración excesiva dos tratamentos antibióticos asociase con máis efectos adversos como a diarrea,  e coa selección de bacterias resistentes.

Sesión xeral sobre as últimas novidades

Os antibióticos son uns dos fármacos utilizados con mais frecuencia pola poboación. Sen embargo, en moitas ocasións, o seu uso non é o máis adecuado. España continúa sendo un dos países do mundo cun consumo de antibióticos máis elevado. Nos últimos anos estanse desenvolvendo múltiples estratexias a nivel estatal e comunitario  para promover un uso adecuado destes fármacos .

Na Área de Vigo elaboráronse diferentes guías de tratamento que axudan á facultativos a elixir o mellor antibiótico en cada situación. Ademais, leváronse a cabo diferentes cursos, nos que participaron, neste ano, máis de 200 profesionais co fin de mellorar as habilidades de prescrición. As guías revísanse e actualizan periodicamente segundo as recomendacións internacionais.

Neste contexto, o próximo dia 30 celebrarase unha sesión xeral no hospital, organizada polos servizos de Microbioloxía e Farmacia para informar aos profesionais sobre as últimas novidades en microbioloxía e a súa aplicación práctica na prescrición dos antibióticos.