A subdirección de Enfermaría organizou un Concurso para motivar e concienciar ao persoal da importancia desta medida preventiva fronte á transmisión de infeccións
Un ano máis, a Área Sanitaria de Vigo sumouse á celebración da Xornada Mundial de Hixiene de Mans, que este ano se desenvolve baixo o lema “Únete a seguridade da atención sanitaria. Limpa as mans”. O obxectivo é centrar os esforzos para lograr unha óptima hixiene de mans nos puntos de atención, xa que se ten revelado como a medida máis eficaz para evitar as infeccións relacionadas coa asistencia sanitaria.
A hixiene de mans continúa representando unha ferramenta fundamental na loita contra as infeccións en xeral, especialmente contra a COVID-19. Un correcto lavado protexe fronte os contaxios e prevén a diseminación de microorganismos multirresistentes asociados á asistencia sanitaria. Resulta de máxima importancia que o persoal realice a limpeza das mans no mesmo punto de atención no que coinciden o profesional, o paciente e o tratamento a levar a cabo.
Segundo explica a subdirectora de Enfermaría, Dolores Muíños, “o tema da campaña deste ano é a cultura de seguridade como estrutura vertebral nos centros sanitarios, para valorar a hixiene das mans e a prevención e control das infeccións asociadas á asistencia sanitaria. Unha cultura de seguridade sólida animará ás persoas a limparse as mans cos produtos axeitados e nos momentos concretos. Cando isto está integrado nos centros asistenciais, os pacientes e os traballadores sanitarios séntense máis seguros.”
I Concurso para o persoal
Entre as múltiples actividades desenvolvidas no día de hoxe -e coordinadas pola subdirección de Enfermaría o servizo de Medicina Preventiva e a Unidade de Calidade de Coidados- cabe subliñar o I Concurso: Día Mundial da Hixiene de Mans.
Por primeira vez na Área Sanitaria de Vigo utilizouse a Gamificación (ou ludificación) coma estratexia de aprendizaxe. Trátase de transmitir unha mensaxe ou uns contidos de cara a cambiar un comportamento, a través dunha experiencia lúdica que propicie a motivación.
O Concurso consiste nun cuestionario on line con varias preguntas relativas á correcta hixienización das mans. O premio será rifado nun sorteo público entre todos os acertantes. Grazas á colaboración do Hotel Tálaso Atlántico, o gañador poderá desfrutar dunha estancia para dúas persoas nese centro.
Vídeo explicativo para os centros educativos
A maiores do Concurso, tamén leváronse a cabo outras accións nas que participaron diferentes servizos sanitarios, as Unidades de pediatría, Hospital de día; os pacientes e profesionais de Rehabilitación Psiquiátrica do hospital Nicolás Peña; ou os alumnos da Escola Universitaria de Enfermaría do Meixoeiro.
Neste senso, instaláronse mesas informativas nos hospitais, e difundíronse vídeos explicativos nos monitores da cafetería do persoal.
Ademais, un vídeo do alumnado da Escola de Enfermaría tamén foi proxectado nalgúns centros educativos, para ensinar aos máis pequenos a importancia dun correcto lavado de mans.

