A Área Sanitaria de Vigo aposta pola música para mellorar o benestar emocional dos pacientes

Hoxe tivo lugar o primeiro concerto na UCI do hospital, no marco do Acordo de Colaboración co Conservatorio Superior de Música de Vigo

Esta actividade enmárcase na estratexia de humanización que vense desenvolvendo para humanizar o coidado ao paciente en todo o proceso asistencial, especialmente en situacións críticas e de vulnerabilidade

A Unidade de Coidados Intensivos do Álvaro Cunqueiro acolleu hoxe un concerto no que un cuarteto de corda -2 violíns, 1 viola e 1 violonchelo- interpretaron varias pezas musicais.

Con este primeiro recital arranca a programación a desenvolver tras o Acordo de Colaboración asinado pola Área Sanitaria de Vigo co Conservatorio Superior de Música  co obxecto de levar a música aos pacientes hospitalizados no Álvaro Cunqueiro.

O acordo, asinado polo xerente da Área, Javier Puente, e o director do Conservatorio, Esteban Valverde, establece que o alumnado de máster e do Programa Erasmus xunto co profesorado do Conservatorio, ofreza recitais no hospital.

Tras a UCI, vanse ofrecer concertos noutras áreas como Neonatoloxía, Pediatría, Obstetricia e o Hospital de Día, entre outros.

Trátase dun medio de axuda para mellorar o estado de saúde dos pacientes e ofrecerlles unha atención integral durante a asistencia. Hoxe en día están demostrados os beneficios da música, que contribúe a mellorar a saúde mental e o benestar emocional do paciente.

Humanización dos centros sanitarios

Esta actividade enmárcase na estratexia que vense desenvolvendo nos últimos anos  para humanizar os centros sanitarios baixo o lema “Tratamos enfermidades, Coidamos persoas”. A humanización emerxe coa intención de equilibrar o crecemento tecnolóxico, priorizando os principios do humanismo no acto sanitario. Trátase de humanizar o coidado ao paciente en todo o proceso asistencial, especialmente en situacións críticas e de vulnerabilidade, contemplando tamén “coidar ao que coida”.