A Área Sanitaria de Vigo acada os mellores resultados de lista de espera cirúrxica nos últimos anos

O tempo de espera medio para ser intervido é de 63,9 días, 11 xornadas menos que no ano anterior

A espera para as intervencións de prioridade 1, as de maior gravidade, está en 18,5 días, mellorando o obxectivo marcado pola Consellería de Sanidade

O Plan de Intensificación da Actividade do Sergas posibilitou realizar no primeiro semestre do ano 17.710 cirurxías, un 10% máis

O 68% dos pacientes en lista de espera cirúrxica presentan unha demora media entre 0-3 meses. Non hai ningún paciente cunha espera superior a 12 meses

O tempo de espera para acceder a unha consulta externa sitúase en 38,7 días, dato igual ao do  ano anterior

Os datos feitos públicos hoxe polo Servizo Galego de Saúde reflicten que a 30 de xuño 2023 a demora media global para operarse no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo é de 63,9 días, 11 xornadas menos que hai un ano.

Trátase do mellor resultado acadado nos últimos anos, de feito, mellora a demora media do ano prepandémico, que no 2019 era de 74,4 días, 10 xornadas máis que neste primeiro semestre do ano.

Estes datos foron presentados hoxe polo xerente da Área Sanitaria de Vigo, que estivo acompañado pola directora Asistencial, Susana Cerqueiro; a directora de Enfermaría, Pilar Reza; e por unha representación de  xefes de servizo.

Segundo explicou o xerente, Javier Puente “por primeira vez conseguimos superar o efecto da pandemia na actividade asistencial, acadando uns resultados mellores que no mesmo período 2019 e que os da media galega. Representa un logro moi significativo, xa que hai que recordar que Galicia é a segunda comunidade española cos mellores tempos de espera media para acceder a unha intervención cirúrxica dentro do Sistema Nacional de Saúde.”

Un 10% máis de actividade cirúrxica

Estes resultados foron posibles polo incremento da actividade asistencial. Así, neste primeiro semestre, os profesionais levan efectuadas un total de 17.710 intervencións cirúrxicas, o que supón 1.637 intervencións máis (un 10%) con respecto ao ano pasado .

Isto foi posible pola posta en marcha do Plan de Intensificación de Actividade do Sergas. No marco deste Plan, estendéronse as sesións cirúrxicas ao horario de tarde, tanto en xornada ordinaria como extraordinaria. Isto supuxo chegar a ter operativos ata unha media de 11 quirófanos de tarde.

No referido á actividade cirúrxica, das 17.710 operacións realizadas, 15.205  foron programadas e 2.505 urxentes. Ademais, o 57,8% das cirurxías programadas efectuáronse de xeito ambulatorio.

18 días para a Prioridade 1

En relación coas Prioridades, as intervencións cirúrxicas de Prioridade 1 presentan 18,5 días de demora media, polo que continúase garantindo e mellorando o obxectivo marcado pola Consellería de Sanidade, que establece que estas intervencións de maior gravidade se operen en menos de  30 días.

Así mesmo ocorre cos pacientes en Prioridade 2, cunha espera de 68,3 días (12 menos que o ano anterior) mellorando o ratio recomendado de 90 días para atender esta prioridade.

Menos esperas en Cirurxía Torácica,  Cirurxía Cardíaca e Neurocirurxía

Por tramos de espera, do total de pacientes que neses momentos estaban á espera dunha operación, o 68 %  presentan unha demora media entre 0-3 meses; o 30% entre 3 -6 meses; e solo o 0,8% están no rango entre 6-12 meses. Hai que subliñar que non hai ningún paciente que espere  máis de 12 meses.

Segundo os servizos sanitarios, cabe subliñar que 9 das 14 especialidades cirúrxicas rexistran unha espera media por debaixo dos 60 días. Entre aquelas que presentan mellores resultados, Cirurxía Torácica (18 días); Cirurxía Cardíaca (42 días); e Neurocirurxía (45 días).

Traumatoloxía é o servizo que concentra maior número de pacientes pendientes de intervención e unha maior demora media (78 días). Sen embargo, hai que subliñar que neste último balance rexistrou unha gran melloría, contabilizando 18 dias menos de tempo de espera para entrar en quirófano que no ano anterior (96 días). 

Cabe destacar tamén o espectacular progreso de Dermatoloxía, que diminuíu en 22 días as súas demoras medias, ao pasar de 81 días de espera aos 59 actuais. Tamén Cirurxía xeral e dixestiva, que baixou en 18 días o tempo medio de espera, de 75 xornadas ás 56 do último balance .

Sen espera para as sospeitas de patoloxía oncolóxica

No referido ás consultas externas, a 30 de xuño a espera media para ser atendido por un especialista é de 38,7 días  (dato igual que no exercicio anterior). No que vai de ano, os facultativos do Chuvi levan realizadas 436.835 consultas externas, un 6% máis que no exercicio anterior.

Ademais, para aqueles pacientes con sospeita de cancro mantense activados uns circuítos asistenciais específicos para axilizar a súa atención, as chamadas Vías Rápidas de Atención. A día de hoxe, a Área Sanitaria de Vigo ten implementadas as Vías de Colon, Mama, Melanoma, Pulmón, Cabeza e Colo, Próstata, Vexiga, Endometrio e Anafilaxe. O tempo transcorrido desde o diagnóstico de sospeita ata a primeiro contacto co especialista hospitalario é dunha semana de demora media global.

Máis consultas presenciais en primaria

En Atención Primaria, o persoal sanitario dos centros de saúde da área de Vigo -Medicina de Familia, Pediatría, Enfermaría, Farmacia, Matronas, Saúde Bucodental e Traballo Social-fixo 3.102.000 consultas.Por categorías profesionais, solo os facultativos superaron o millón e medio de consultas (1.541,441).

Do total de consultas realizadas polos profesionais de Atención Primaria, o 75% foron presenciais.

Sete días menos para as probas diagnósticas 

En canto ás probas diagnósticas, seguen na liña de mellora dos últimos anos, contabilizando 7 xornadas menos de demora media que no ano anterior, situándose en  69,9 días.

Entre as probas que rexistran un melloría anual máis significativa hai que destacar as ecografías,  que reduciron en máis de mes e medio (48,64 días) a súa demora media, rexistrando unha espera de 55 días.

Urxencias e hospitalización

Na área das Urxencias, lévanse contabilizadas 231.130 atencións, das que 130.357 realizáronse nos PACs de Primaria e 100.773 no servizo de Urxencias do Álvaro Cunqueiro. Do total das Urxencias hospitalarias, 73.360  foron adultos, 22.508 menores de 15 anos e 4.905 obstétricas.

En relación coa hospitalización, rexistráronse 22.463 ingresos. A estadía media dos pacientes hospitalizados foi de 7,2 días. Ademais, no Álvaro Cunqueiro naceron 1.416 bebés . O xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, rematou agradecendo a colaboración dos profesionais, que son os verdadeiros artífices destes resultados, e asegurou que “seguiremos traballando nesa liña de mellora continua, co obxectivo prioritario e esencial de avanzar na accesibilidade dos cidadáns ao sistema sanitario, reto do Servizo Galego de Saúde no que todos estamos comprometidos”.