Os usuarios poderán acceder a información de servizo e empregar o móbil como guía interactiva para as rutas, os principais puntos de interese e os areais

A nova actualización da app Vigo estará dispoñible para descarga en próximos días e incluirá unha ampla e completa sección sobre as illas Cíes, dentro do apartado de Turismo.

A aplicación permitirá aos seus usuarios gozar de catro novas rutas interactivas con GPS nas illas (as rutas Alto do Príncipe, do Faro da Porta, do Monte do Faro e de Monteagudo), que se engaden á ruta azul “Entre Faros”, xa dispoñible na app Vigo.

Principalmente, o Concello aglutina na app información de servizo: como chegar, como obter o permiso e os billetes, consellos e normas do parque, puntos de información, o cámping, o restaurante, as actividades, etc.

Ademais, o medio mariño, a flora, a fauna, a xeoloxía, a historia e o patrimonio do arquipélago terán un espazo propio relevante e, por último, o móbil poderá converterse en guía ao ofrecer listados e mapas dos principais puntos de interese, das cinco rutas interactivas e das praias.