A APP Vigo incorpora toda a información sobre o Nadal na cidade

A aplicación do Concello habilita, como cada ano por estas datas, unha sección específica con información de utilidade para coñecer a oferta completa das festas

Como cada ano, a programación do Nadal de Vigo chega tamén aos móbiles na procura de dar servizo ao interese informativo que esperta a oferta destas festas da cidade. Así, o Concello vén de incorporar na APP VIGO unha nova sección dedicada á oferta de actividades, roteiro polos diferentes elementos, horarios, mesmo contos para os máis pequenos de casa.

Nas actividades recolle máis de 40 eventos; nas atraccións: os carruseis, tren de nadal, a noria, as atraccións, exposicións, circo de nadal; os mercados do Nadal: Cíes Market e Calvario; o Belén monumental en Casa das Artes; os elementos lumínicos: árbore, caixa, boneco de neve; unha ruta interactiva polos puntos de interese do Nadal de Vigo; elementos expositivos: adornos e sets do Nadal; Photocall; Papá Noel e os Reis Magos; vídeos da canle de Youtube do Nadal e vídeos para os máis pequenos da casa con contos narrados en actividades municipais.

A APP Vigo é utilizada cada mes por máis de 40.000 usuarios e é empregada tamén por moitas turistas que veñen á cidade e que se guían con ela. A aplicación viu recoñecido o Premio Cidadáns 2019 polo seu bo funcionamento e calidade técnica.