A alianza entre Turismo de Galicia e Terras Gauda conecta a vangarda artística internacional coa promoción das rutas do viño galego

Os finalistas e premiados da 15ª Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda – Concurso Francisco Mantecón presentaron 63 carteis ao certame para promocionar as Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños Galegos

As deseñadoras Marina Mun (Kazakhstan) e Maria Nolepa (Polonia) son as autoras das pezas gráficas gañadoras

A alianza entre Turismo de Galicia e Terras Gauda conecta a vangarda artística internacional coa promoción das rutas do viño galego. Os finalistas e premiados da Bienal Internacional de Cartelismo – Concurso Francisco Mantecón enviaron 63 carteis a este certame, procedentes de catorce países de todo o mundo.

O xurado, presidido por Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, e do que formaron parte os deseñadores Javier Mariscal, e Marcelo Ghio, director de Experimenta, ademais de Santiago Bacariza, xefe de Área de Produto de Turismo de Galicia, xa se reuniu para as deliberacións e designou os carteis premiados, cunha dotación económica de 5.000 € cada un.

A deseñadora de Polonia, Maria Nolepa, quen tamén logrou o 1º Accésit da Bienal de Terras Gauda neste 2022, foi unha das galardoadas. De Kazakhstan procede o outro cartel premiado. Neste caso, asinado pola artista gráfica Marina Mun.

Ambas formaban parte do elenco de 48 finalistas e premiados desta última edición do Concurso Francisco Mantecón, no que participaron 1.249 carteis de 64 países dos cinco continentes.

Coas pezas gráficas propostas polas deseñadoras de Polonia e Kazakhstan, Turismo de Galicia promocionará as 12ª e 13ª Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño das cinco denominacións de orixe galegas: Monterrei, O Ribeiro, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Valdeorras. Unha iniciativa turística que se celebra anualmente.

15 anos de Bienal: máis de 20.000 carteis de 100 países

Máis de 20.000 carteis de 100 países participaron nas 15 primeiras edicións da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda – Concurso Francisco Mantecón, afianzada como a de maior envergadura convocada por unha entidade privada en todo o mundo. Consagrados deseñadores gráficos e ilustradores, estudos de deseño, estudantes e profesores de universidades dos cinco continentes teñen concursado, confirmando o alcance e a pluralidade tanto xeográfica como do perfil de participantes.