A 18 edición do Rallye Sur do Condado conta de novo cun tramo mosense

Ademais este ano inclúe unha gran novidade, a Copa SOMOSMOS

O Pazo de Mos acolleu a presentación do tramo de Mos do Rallye Sur do Condado da Escudería Surco. O Rallye Sur do Condado chega á súa décimo oitava edición e terá lugar o vindeiro mes de xullo, os días 8, 9 e 10 do próximo mes.

No acto estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Mocidade, Leo Costas, presidentes e directivos das AVV das parroquias polas que pasará o rallye, representantes da Escudería Surco e membros da empresa Altrans, que repite por segundo ano consecutivo dando nome ao tramo de Mos.

Por suposto tamén estiveron presentes os grandes protagonistas, os pilotos mosenses participantes nesta competición icónica, xa que, ademáis de presentarse o tramo mosense do Rallye Sur do Condado, presentouse unha singular novidade: a Copa SOMOSMOS.

Nela, previa inscrición gratuíta, os pilotos mosenses optan a un premio en metálico e trofeo á parella que marque o mellor tempo, sumadas as dúas pasadas ao tramo de Mos.

Na presentación desta tarde entregóuselles tamén a cada piloto e copiloto a camiseta de Mos que locerán os días do rally e uns adhesivos para o coche.