A Deputación acorda cos concellos da provincia a renovación e a ampliación do servizo de Administración electrónica

A institución manterá o plan provincial de apoio aos municipios ata finais de ano e incrementará as súas prestacións cara ao novo contrato de 2021

Co obxectivo de manter e incrementar a aposta tecnolóxica para a modernización dos servizos nos concellos, a Deputación de Pontevedra acordou hoxe coas 53 entidades locais da provincia adheridas á plataforma da Administración electrónica renovar ata finais de ano o contrato do servizo e iniciar un novo concurso para o próximo 2021 para dar cobertura a todas as melloras que foron implementándose, cun investimento de máis de medio millón de euros.

O plan provincial da Deputación naceu en 2016 para ofrecerlles asistencia técnica informática aos municipios que carecían de Administración electrónica e que tiñan que dar resposta legal a novas normativas que, unha vez máis, se aprobaron sen que os concellos tiveran recursos para facelo. Entendendo que a modernización da Administración local era fundamental para atender á cidadanía, a Deputación puxo en marcha este proxecto, que dotou os concellos deste instrumento tecnolóxico.

Catro anos despois, a plataforma, ata agora gratuíta, converteuse nunha ferramenta fundamental para que o 100 % das entidades locais da provincia teñan a capacidade de ofrecerlle á súa veciñanza unha Administración máis próxima e moderna. Hoxe conta con 53 concellos e mancomunidades adheridas e presenta un balance sobresaínte, con máis de 15 millóns e medio de documentos electrónicos creados e máis de 2,5 millóns tramitados con firma electrónica. Ademais, tan só nesta etapa da COVID-19, máis de 6.000 traballadoras e traballadores dos concellos puideron teletraballar grazas a esta plataforma da Deputación e os gobernos locais puideron celebrar plenos e xuntas de Goberno, sesións telemáticas, reunións ou mesas de contratación a distancia. Alén diso, para que os municipios asumiran con total garantía a atención cidadá nas novas circunstancias, a Deputación implantou a través da Sede electrónica o sistema de cita previa nos concellos para contactar coas oficinas municipais de xeito presencial ou por videoconferencia.

Hoxe, no encontro telemático celebrado entre a Deputación e ata 47 concellos e entidades locais, acordouse que a institución amplíe ata finais de ano o contrato do servizo e, ante a finalización do contrato coa empresa Gestiona, iniciará para o próximo 2021 a tramitación dun novo concurso. O obxectivo, tal e como trasladou o deputado Carlos Font, é a intención do Goberno de seguir apostando polo mundo local e manter o plan provincial en vez de que cada concello se faga cargo en solitario do custo da contratación da Administración electrónica. Así a Deputación asumirá o 75 % do novo contrato, que acollerá as melloras que foron implementándose e que suporá un investimento de máis de medio millón de euros (560.500 €). Pola súa parte, os concellos asumiran o 25 %, que se repartirá con criterios obxectivos por tramos de poboación. Así, os de menos de 3.000 habitantes terán unha aportación anual de 1.000 euros; os de 3.000 a 5.000 habitantes, de 1.500 euros; os de 5.000 a 10.000, de 2.500 euros; os de 10.000 a 15.000, de 3.500 euros; os de 15.000 a 20.000, de 4.500 euros; e os de 20.000 a 30.000, de 5.500 euros.

Entre as novas prestacións do novo contrato figuran a integración coa Plataforma de Contratación do Estado (PLACE), a xestión documental do arquivo electrónico único e a integración cos servizos da Plataforma de Intermediación de Datos. Ademais, a nivel tecnolóxico, a Administración electrónica dálles actualmente soporte a unha maior carga de usuarias e usuarios (tanto ao persoal técnico como á cidadanía que accede á Sede electrónica), mellora o rendemento e a seguridade, e ofrece funcionalidades coma a sinatura na nube a través de servidores HSM. En canto ao almacenamento, tendo en conta os documentos electrónicos creados e firmados nestes anos que se gardan na nube, crearase un servizo adicional de almacenamento e de reselado, xa que cada certo tempo debe renovarse o selo de tempo asociado á firma electrónica.