O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas chama en Vigo “a votar o 12 de xullo para botar ao PP da Xunta”
O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, trasladouse a Vigo acompañado doutros membros da candidatura como Martiño Noriega, Eva Solla e Iria Figueroa para dar o pistoletazo de saída á que cualificou como “a campaña máis decisiva da historia da democracia en Galicia”.
Para Gómez Reino trátase dunha campaña decisiva “para acabar con dez anos de maltrato á nosa sanidade pública que resistiu e nos sostivo durante a pandemia, decisiva porque nos xogamos o futuro da nosa industria, decisiva porque os nosos maiores merecen un goberno que non deixe os coidados en mans privadas”.
Gómez Reino indicou que “non se trata dunha cuestión de partidos, senón que son as galegas e os galegos os que nos xogamos o noso futuro e nos xogamos a Galicia que queremos tras a pandemia do coronavirus”.
O candidato asegurou que “o señor Feijóo fíxonos perder máis dunha década, facendo que o noso país deixara de ser referente no Estado e en Europa”. Nesa liña apelou á necesidade de mudar o rumbo o 12 de xullo “porque o que precisamos agora é precisamente un presidente que exerza o seu liderazgo para construír a Galicia post Covid19”.
O candidato considerou que o obxectivo de Feijóo de adiantar as eleccións «pasa por desmobilizar ao electorado de esquerdas pero non o vai lograr«. Por iso chamou “a votar o 12 de xullo para botar ao PP da Xunta e dicir alto e claro “bye bye” Feijóo”, concluíu.

