A Deputación achegará preto de 2,2 millóns de euros para sufragar arredor do 70% do orzamento total das obras nesta rúa viguesa
Luisa Sánchez lembrou os 47 millóns comprometidos pola Deputación en Vigo, e sinalou que na actualidade “o Concello ten 7,5 millóns pendentes de formalizar coa Deputación: os 2,5 millóns da Finca Matías, que hai que prorrogar, e os 5 millóns do convenio deste ano”
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou este luns que a Xunta de Goberno da institución provincial dará o visto bo na sesión deste venres ao convenio de colaboración co Concello de Vigo para investir 3 millóns de euros na humanización da rúa Doutor Carracido e avanzar na mellora da cidade. A institución provincial achegará preto do 70% do orzamento para o proxecto, con preto de 2,2 millóns de euros, e é un avance máis no compromiso da Deputación co desenvolvemento da cidade, para a cal a Deputación ten comprometidos máis de 47 millóns de euros.
Fai unhas semanas, os técnicos provinciais remitiron ao Concello a revisión do proxecto para poder así chegar á aprobación do convenio, que permite avanzar nun proxecto que busca converter esta rúa viguesa nun espazo cómodo e accesible, máis amable e máis seguro. As principais actuacións das obras, que terán un prazo de execución de doce meses, son a ampliación e renovación das beirarrúas, o asfaltado integral da calzada, a instalación de novo mobiliario urbano, a renovación das infraestruturas subterráneas, a mellora da iluminación e a revalorización do espazo público.
A vicepresidenta asegurou que “ninguén pode negar o noso compromiso, a nosa disposición e a nosa man tendida a todas as administracións: nós ofrecemos solucións, aprobamos proxectos e convenios”. Neste sentido, Luisa Sánchez lembrou que a Deputación xa remitiu o convenio para a reforma de Rosalía de Castro, ao que se suma agora o convenio de Doutor Carracido. Ademais, a vicepresidenta da Deputación lembrou a necesidade de prorrogar o convenio para o financiamento das obras na Finca Matías, pendentes de que o Concello motive a prórroga do convenio asinado en 2024 para que a comisión de seguimento o tramite. “Entre os 5 millóns do convenio deste ano e os 2,5 millóns de Finca Matías, agora mesmo o Concello de Vigo ten 7,5 millóns de euros pendentes de formalizar coa Deputación de Pontevedra”, sinalou a vicepresidenta, que lembrou de novo que estes recursos “están reservados no orzamento provincial”. Luisa Sánchez tamén se referiu á proposta para o aeroporto de Peinador coa que se inxectarían “200.000 euros a cada destino que busque poder establecerse en Vigo para ofrecer solucións a este momento tan grave para unha infraestrutura fundamental para o sector empresarial e turístico”. “Facemos todo o que está nas nosas mans porque queremos que Vigo teña futuro”, asegurou a vicepresidenta.

