A vicepresidenta sinalou que “é o momento de comezar a recuperación do aeroporto de Peinador; hai modelos de colaboración entre administracións que funcionan e a nosa aposta non pasa por confrontar senón por colaborar”
A Deputación busca incentivar a demanda dos destinos interesados en establecerse en Vigo e tenderá a man ao Concello para sumarse a esta vía
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou este mércores que a institución provincial “habilitará 200.000 euros por cada novo destino que se estableza no aeroporto de Vigo”, para así “poñer á disposición os cartos necesarios que incentiven esa demanda para voar a Vigo que sabemos que existe e que non está sendo atendida”. A vicepresidenta sinalou que “actuaremos sobre eses destinos sobre os que xa temos datos do seu potencial, que son comercialmente rendibles e que teñen posibilidades de afianzarse en Vigo”. Luisa Sánchez asegurou que “é o momento de comezar a recuperación do aeroporto de Peinador, e estamos vendo que hai modelos de colaboración entre administracións que funcionan”, poñendo como exemplo o de Santiago de Compostela. “Gustaríame que alguén me explicase por que en Vigo non é posible”.
A vicepresidenta provincial sinalou que “o aeroporto de Vigo está sobradamente preparado para recibir máis de 2 millóns de pasaxeiros ao ano, pero leva unha década estancado nun millón”. Por iso “é o momento de cambiar de modelo, de colaborar e de que Vigo amose todo o seu potencial”. Deste xeito, AENA aplicaría a bonificación de taxas prevista para novas liñas ou para as que incrementen ata tres frecuencias semanais, a Xunta de Galicia xa comprometeu investimento “e a Deputación de Pontevedra fará esta nova achega”.
Luisa Sánchez asegurou que “os vigueses non agardan enfrontamentos institucionais, senón que esperan solucións”. Por iso, “a miña proposta para sacar a Peinador dese abandono non pasa por confrontar, senón por colaborar; non por modelos individualistas que amosaron ser un fracaso, senón pola acción coordinada que cambie, por fin, a maneira na que se potencia o aeroporto de Vigo”.
A vicepresidenta provincial lembrou que en setembro o mapa de rutas de Vigo quedará reducido a catro conexións, o mínimo histórico rexistrado en Peinador. Luisa Sánchez asegurou que este “é o resultado de gobernar desde o illamento institucional e o personalismo”, unha situación que cualificou de “insostible e que non soportan o noso aeroporto nin tampouco os vigueses”.
A proposta da Deputación parte de traballos técnicos e estudos que amosan os destinos nacionais e internacionais (París, Londres, Ámsterdam ou Milán) economicamente viables para múltiples aeroliñas, sen esquecer outros posibles destinos á marxe destes. Esta aposta non se centra en subvencionar as aeroliñas, senón en actuar no mercado interesado en establecerse en Vigo, incentivando a demanda con achegas coordinadas por diferentes administracións. A institución provincial ofrecerá esa colaboración ao Concello de Vigo, poñendo os intereses da cidade e da provincia por enriba de calquera outra consideración.

