A cabeza de lista en Pontevedra da Marea Galeguista, e o número dous pola provincia, Andrés Núñez Rajoy, participan nun encontro cos medios de Vigo
«A maioría das que estiveron na primeira liña de loita contra a pandemia foron mulleres. As persoas son a nosa preocupación e, no centro de todo, están as mulleres”, salienta a candidata
A cabeza de lista por Pontevedra da Marea Galeguista, Peque González, e o número dous pola provincia, Andrés Núñez Rajoy, participaron este xoves nun encontro cos medios de Vigo. Na reunión remarcouse a urxencia de facer políticas sociais xustas, feministas e ambientais, e incidiuse no feito de que esas problemáticas se agravaron durante a pandemia.
“Non se pode falar de coidar ás persoas cando non se inviste en dar eses servizos públicos de calidade e con recursos suficientes para que non pase o que pasou nas residencias privadas nesta pandemia”, criticou Peque González. A candidata incidiu en que hai que actuar xa ante a emerxencia social, da que Vigo xa é testemuña: “Povisa, foi adquirido por un fondo especulador e a Xunta non fixo nada. Non se pode permitir iso cando é un centro concertado. Iso só conduce a unha maior precarización do servizo e á posta en risco de vidas e dos postos de traballo”.
“O noso foco está nas emerxencias social, feminista e ambiental. Temos que poñer o peso en camiñar cara un país diferente. As mulleres foron as que máis sufriron durante esta crise. Coidamos a casa, dos nenos e dos maiores. No sistema sociosanitario o 80% do persoal son mulleres. Son mulleres a maioría das que traballan nos supermercados e que tamén estiveron na primeira liña desta pandemia. Poñemos ás mulleres no centro da Nosa liña política”, engadíu a candidata da Marea Galeguista.
No ámbito vigués, Peque Gonzalez, remarcou a importancia do sector telemarketing. “Como un motor laboral en Vigo, onde traballan tantas mulleres, e que é unha industria de baixas emisións. Loitaremos para que teñan unhas condicións laborais dignas, iso é a liña vermella. Cando academos iso, e xa que empezamos a ser unha referencia, potenciar o sector”.
En clave xeral, para a Marea Galeguista é fundamental establecer unha renda básica universal permanente: “A nosa aposta, sempre priorizando a óptica feminista, está na renda básica universal. Actualmente hai unha axuda de emerxencia que aplaudimos pero ha de ser unha axuda para todas as persoas, independentemente de que teñan depencias familiares”, aclarou González.
Pola súa banda, Andrés Núñez Rajoy, salientou a necesidade de transferir as competencia do Porto de Vigo á Xunta. “Temos que reclamar as competencias. É unha das nosas maiores infraestruturas e ha de ser xestionada desde Galicia. Tamén debemos reclamar a presenza do noso porto nas autopistas europeas do mar. Non é admisible que Vigo non estea, coa importancia que ten”. Nese contexto Marea Galeguista promove a coordinación co Norte de Portugal: “Consideramos fundamental a integración social e industrial de Galicia co Norte de Portugal e para iso precisamos impulsar unha conexión ferroviaria Vigo-Oporto que sexa competitiva”.
Marea Galeguista considera que o sector da automoción debe enfocar a súa transformación cun enfoque ambiental: “O primeiro sector de emprego industrial da provincia é a automoción e temos que empezar xa a tratalo cun enfoque ambiental. Necesitamos un plan de modernización do sector da automoción para un futuro sostible e de innovación, e atendendo ás recomendacións da Unión Europea. Nese sentido, apostamos por unha colaboración coa universidade en materia de I+d+i para avanzar cara a productos de baixas emisións e priorizando os vehículos de transporte colectivo, que tanto precisamos, como están reclamando, por exemplo, na zona do Val Miñor”, concluiu Núñez Rajoy.
Candidatura da Marea Galeguista por Potevedra.

