Mos investirá máis de 100.000 euros na mellora da accesibilidade e pavimentación do adro da igrexa e do cemiterio de Pereiras

O Concello executará un proxecto integral con fondos propios para eliminar barreiras arquitectónicas e mellorar a seguridade nun espazo de alto valor social e patrimonial.

O Concello de Mos levará a cabo un proxecto integral de mellora da accesibilidade e da pavimentación do adro da igrexa e do cemiterio de Pereiras, unha actuación moi demandada pola veciñanza que contará cun investimento total de 101.476,36 euros, financiado integramente con fondos propios municipais.

A intervención ten como obxectivo principal eliminar barreiras arquitectónicas, mellorar a seguridade e garantir un acceso cómodo e digno a un espazo de especial relevancia social, patrimonial e emocional para a parroquia. O proxecto dá resposta ao deterioro dos pavimentos actuais e ás dificultades de mobilidade existentes, especialmente para persoas maiores ou con mobilidade reducida.

As obras estrutúranse en tres actuacións diferenciadas. A primeira delas será a construción dunha rampla accesible que conectará o adro parroquial co cemiterio vello, substituíndo as actuais escaleiras de pedra irregulares que supoñen un risco para a seguridade. Esta actuación incluirá tamén a instalación de pasamáns accesibles e a adecuación da contorna con zonas axardinadas.

A segunda intervención consistirá na pavimentación integral do adro da igrexa, empregando dous tipos de acabado en pedra natural, o que permitirá mellorar tanto a estética como as condicións de uso e seguridade do espazo, especialmente en momentos de maior afluencia, como os enterros.

Por último, o proxecto contempla a pavimentación dos corredores do cemiterio vello, xunto coa mellora do sistema de drenaxe e recollida de augas pluviais, co obxectivo de evitar encharcamentos e prolongar a vida útil dos novos pavimentos.

O prazo estimado de execución das obras será de ata dous meses unha vez adxudicados os traballos. Todas as actuacións cumprirán estritamente a normativa vixente en materia de accesibilidade, seguridade e protección do patrimonio.

Desde o Concello de Mos salientan que esta actuación “é un exemplo claro do compromiso municipal coa mellora dos espazos públicos das parroquias, apostando por intervencións necesarias, seguras e respectuosas coa contorna, financiadas con recursos propios e pensadas para mellorar a calidade de vida da veciñanza”.